![ana ponton bng comite empresa ferroatlantica]()
Ana Pontón, portavoz do BNG, mantivo un encontro co comité de empresa de Ferroatlántica
Ana Pontón, portavoz do BNG, e o deputado electo pola Coruña,
Xosé Luis Rivas, mantiveron na mañá de onte un encontro co
comité de empresa de Ferroatlántica na que os nacionalistas lle trarmistiron o total apoio para frear calquera especulación das minicentrais hidroeléctricas do Xallas que explota esta empresa en réxime de concesión, coa obriga de garantir o emprego.
Pontón explicou que a formación nacionalista vai pedir a comparecencia urxente do Goberno galego - en concreto dos conselleiros de Industria e de Medioambiente - para que aclaren en sede parlamentaria que ten previsto a Xunta para evitar movementos especulativos de compra-venda das minicentrais e, non menos importante, impedir que haxa ningún tipo de segregación entre a actividade industrial de Ferroatlántica e a explotación eléctrica do Xallas.
“Desde o BNG compartimos a preocupación dos e das traballadoras por tres razóns”, explicou Pontón, “porque pon en risco a viabilidade e futuro do emprego, porque desde o punto de vista legal a segregación das minicentrais da actividade industrial de Ferroatlántica non é posíbel, son unha unidade indivisible e, en terceiro lugar, porque implicaría unha burla que se especule con concesións públicas de recursos naturais que son de todos”.
Non á segregación
Neste sentido, lembrou que o Parlamento aprobou por unanimidade unha iniciativa do BNG que recolle a imposibilidade da segregación - como por outro lado ditaminou tamén o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) - entre actividade industrial e explotación eléctrica.
“Por iso consideramos incomprensible a posición tan morna que está a manter a Xunta ante as informacións que avanzan unha posible especulación con operacións de compra-venda das concesións que, mesmo podería ser un paso previo á segregación de Ferroatlántica”, denunciou.
A dirixente nacionalista deixou claro que “
non pode haber medidas tintas cando está en xogo o futuro de máis de 300 empregos directos, nunha comarca que precisa ata o último posto de traballo como é a Costa da Morte”, indicou. Por iso, entre as primeiras iniciativas parlamentarias, o BNG vai esixir unha “posición clara” da Xunta a través das comparecencias dos concelleiros directamente implicados por área de responsabilidade de goberno, garantías da continuidade do emprego e tamén reclamará que a xestión das minicentrais se leve a cabo desde Galiza e non desde Madrid, como sucede na actualidade.
Novas relacionadas
Fonte
- Redacción QPC (info@quepasanacosta.com)
- BNG