![arbores-lires]()
Nos últimos meses talaron tres das cinco árbores que había no campo da festa de Lires
O BNG de Cee, encabezado por Serxio Domínguez, vén de presentar un escrito no rexistro para que o concello plante de novo as árbores que había no campo da festa de Lires, na zona coñecida como
Riba das Eiras. Ao parecer, sen saber moi ben por que, nos últimos meses cortaron varias especies. "O espazo, a mais de ser o lugar onde se celebran os actos festivos, supón o único sitio onde poden xogar os nenos e nenas, xa que a parroquia de Lires carece de parque infantil, e o polideportivo está demasiado lonxe das casas para poder deixalos sós, sinalan os nacionalistas de Cee.
"Sen as árbores que dean sombra, o lugar convértese nun sitio pouco apropiado para os rapaces en días de moito sol, sen esquecer as razóns estéticas, xa que unha praza con tres das cinco árbores taladas non dá precisamente unha boa imaxe, polo que compre tomar medidas ao respecto", indican dende o BNG.
Ademais do escrito presentado no rexistro, o tema tratarase no vindeiro pleno no espazo de rogos e preguntas.
Novas relacionadas
Fonte
- Redacción QPC (info@quepasanacosta.com)
- Concello de Cee