O Concello de Cee consensuará con Portos e a empresa a ubicación da factoría de tubos
Segue estando no aire a ubicación da factoría de tubos xigantes en Cee. Pero polo que parece o interese wn construíla na vila da Xunqueira é firme. De feito, ademais da proposición de ubicala nos terreos de Portos anexos aos asteleiros da Sicar, Concello e Portos barallan tamén a posibilidade de ubicala a carón da fábrica de Ferroatlántica, no porto de Brens, pero estes terreos son de Costas e o procedemento legal sería máis lento.
Queda pois a pelota no tellado da empresa promotora austríaca, que será a que terá que consensuar, en función da súa urxencia, a ubicación con Portos e Concello. Se elixen a zona dos asteleiros, a construción sería inminente; pero se non fose urxente, a empresa podería escoller, como prefire o grupo de goberno, os terreos de Costas trala fábrica de Ferroatlántica.
Así quedou patente na reunión desta mañá de xoves 29 de novembro, na que participaron a alcaldesa Zaira Trillo e o teniente alcalde de Cee, Daniel Oca, co presidente de Portos de Galicia, José Juan Durán. Ambas entidades consensuarán, deste xeito, coa dirección da empresa a ubicación óptima para a factoría interesada en instalarse no peirao de Brens.
Así pois, a elección da ubicación definitiva realizarase en función dos prazos que requira a empresa para a posta en marcha da súa actividade.
Para tal fin, o Concello de Cee manterá un encontro cos representantes da firma a semana que vén.
Ente público e Concello subliñaron ademais que, "unha vez elixida a parcela na que definitivamente se asentará a empresa, a instalación da factoría contará con todos os informes e requisitos ambientais e de tramitación preceptivos, como garante a Administración Pública no conxunto das súas actuacións".
Novas relacionadas
- O Comité de Empresa de Ferroatlántica apoia a factoría de tubos pola carga de traballo do porto.
- O goberno de Cee dá un toque á Neria.
- CIG, BNG e Edís Nacionalistas apoian a construción da fábrica de tubos na SICAR.
- A corporación municipal de Cee rexeita a construción dunha fábrica na Sicar.
Fonte
- Notas de prensa de Portos.