Martes. 07.05.2024
El tiempo

O Pazo do Raposo

Eolicos no Ezaro
O Pazo do Raposo

“O que temos claro é que se nun concello os habitantes non queren muíños, estes non se instalan”. A frase é contundente, mírese por onde se mire: ou iso parece en primeira instancia. Que un proxecto non vaia adiante cando nin os propietarios dos terreos, nin as autoridades municipais o desexen, non está tan claro porque hai moitos intereses en xogo. Se xa pensamos en que, por estas vicisitudes -sen acordo de base no propio territorio- os patróns do capital de financiamento se poidan botar para atrás e o proxecto non prospere, estamos a arrimarnos con máis criterio ao que realmente poida acontecer. O que si está meridianamente claro é a lexitimidade de defender o patrimonio como recurso de futuro por parte dos veciños e veciñas dos concellos afectados por esta desfeita.

Se vos digo quen pronunciou esa frase, aínda se fai un pouco máis complicado darlle esa contundencia á interpretación do seu significado polas connotacións de ameaza ás que se poidan asociar estas manifestacións públicas. O ínclito personaxe do que vos estou a falar é José Manuel Pazo Paniagua, presidente da Asociación Eólica Galega, a patronal galega do vento. Un personaxe con moita enxunlla no caldo das renovables e responsable directo do deseño da maioría das poligonais eólicas da nosa comarca.

Como non podía ser doutra maneira, tal como viraba o vento naquelas datas, foi el o que, a 06-03-2000, en nome e representación da empresa Eurovento, solicitou a declaración de utilidade pública do parque eólico denominado Paxareiras II D (Ameixenda). Xa vedes que imos tendo algunhas cousiñas en común con Sr. Pazo, así que de agora en diante imos alcumalo “O Raposo”, máis que nada porque dos tres cargos actuais que da súa persoa figuran no Rexistro Mercantil, un deles é o de administrador único da empresa de servizos técnicos de enxeñería O Pazo do Raposo SL. Ten ou non ten sorna o “amigo” Raposo?. Tamén foi el o que se atreveu a pedir responsabilidades ao Tribunal Superior de Xustiza de Galiza, poñendo en tela de xuízo as súas sentenzas, cando anulou os permisos da Xunta aos parques eólicos de Campelo, Bustelo e Monte Toural (Greenalia) por fragmentación fraudulenta.

Por outra parte, tamén é claro que a pretensión de meter presión nas decisións do TSXG vaille no cargo. “Ponse en risco -dicía O Raposo- todo o futuro económico e industrial, non só de Galicia, senón doutras comunidades nas que se realizan os mesmos procesos". Que desvergoña!, por dicilo de xeito decoroso. Non contento con todo o protagonismo que está a ventear nas nosas subsidiarias vidas, onte leo por aí este titular: “Ocho organizaciones exigen seguridad jurídica en Galicia para convertir el sector eólico en motor industrial”. Nestas oito organizacións, co Sr. Paniagua como líder indiscutible, atópase o máis “granado” dun sector, que lonxe de ser motor, é a máis grande rémora para un desenvolvemento industrial ecosostible, que faga parte dun modelo de produción e consumo de futuro. Non vou mencionar os casos de grandes empresas (Vestas) que fuxiron de Galicia para ir xerar emprego a China ou Arxentina porque alí había máis “oportunidades de negocio”. Non. Quería facer mención das moitas empresas auxiliares que non puideron adaptarse aos rápidos cambios técnicos do sector en poucos anos (Emesa é un dos casos máis exemplificativos), e aínda que investiron todo en adecuarse para a construción desas infraestruturas xigantescas, tiveron que abandonar e deixar moitos postos de traballo polo camiño.

 José Manuel Pazo eolicos

Fagamos un pouco máis de historia no curriculo de José Manuel Pazo: O Raposo empezou a traballar para Xestenga (Xestión Enerxética de Galicia, matriz do actual Instituto Enerxético de Galicia) no ano 1986 e xa estivo na colocación das primeiras torres de medición eólica, a principios dos 90, nas Paxareiras, Corme, Cedeira e Malpica. Funcionario público en excedencia, pasa a ser Director Xerente de Eurovento desde setembro do 1996 (no 1997 é cando se reparte o pastel das Areas de Desenvolvemento Eólico) ata setembro do 2008. Presidente da Asociación Eólica Galega (EGA) en dous mandatos: desde a súa fundación no 1997 ata setembro do 2007, e desde febreiro do 2016 ata a actualidade. Un dos “Señores do Vento” , e pai, con maiúsculas, do modelo colonial eólico galego. Seguimos: presidente de Rede Aberta (Fibra Óptica Neutral Galega) desde setembro do 2020 ata a actualidade. Asesor Xeral para España da xaponesa Eurus Energy Holding -desde que convencera á Tokio Electric Power (Tepco) de invertir na promoción eólica en Galicia está en todos os saraos onde se move a pasta gansa, ben se ve!!! - , delegado territorial da Corporación Eólica Cesa, que despois absorbeu Acciona, etc, etc. E non sigo porque a raposeira que hai montada ao redor das renovables é espectacular.

Se de aquí a pouco non se adoptan medidas como a promoción das comunidades enerxéticas de autoconsumo, ou a creación dunha empresa pública galega para a produción de enerxía renovábel, desta non saímos ben parados. Ou establecer a obriga de posibilitar a participación da cidadanía en proxectos de enerxía renovable, priorizando a poboación que vive na súa contorna. Ou, como enuncia nun dos seus informes o Observatorio Galego da Acción Climática (OGACLI), o establecemento dunha Mesa de Diálogo Social das Enerxías Renovábeis. Sería relevante tamén o desmantelamento progresivo dos polígonos construídos en zonas da Rede Natura 2000 a medida que se vaia esgotando a súa vida útil. Sería relevante e necesario. Pero non. Agora, as promotoras están propoñendo que as repotenciacións deben ter beneficios fiscais e unha tramitación diferente, coa premisa de que o impacto está estudado dende hai 20 anos, e é máis fácil de tramitar. Este é un tema que están a tratar as administracións. Inaudito, cando se leva como bandeira unha transición enerxética verde!!!.

  • Vítor do Canteiro 

 

Novas relacionadas

Comentarios