Sábado. 20.04.2024
El tiempo

A oposición de Cee ao completo pide un pleno para a celebración da verbena do 3 de decembro

FOto das pasadas festas da Xunqueira-Foto-Rafa Quintans
Foto de Rafa Quintáns das pasadas festas da Xunqueira
A oposición de Cee ao completo pide un pleno para a celebración da verbena do 3 de decembro

A raíz da polémica servida entre hostalería e a alcaldesa de Cee pola celebración dunha verbena o vindeiro 3 de decembro, a oposición ao completo volve unirse para pedir a convocatoria dun pleno para analizar, en conxunto, a viabilidade do evento.

Tanto o PP, como IxCee, BNG e Ciudadanos coinciden en que “os empresarios do espectáculo en colaboración coa hostalería de Cee” solicitaron correctamente a celebración do evento, e que o “Concello debería estar para facilitar as cousas, non complicalas”.

“Todos entendemos que é bo a celebración dun evento como este, non só para os hostaleiros, senón tamén para os máis novos, e tamén para os maiores coma min, que tamén temos gañas de botar un baile”, recoñece Antonio Domínguez. O voceiro popular acusa á alcaldesa de “pensar que estamos no Xulgado de Corcubión, pero ten que saber que dende o último concelleiro ata a ela mesma temos que participar para resolver os problemas dos veciños de Cee”. De aí a petición dun pleno para que sexa a vontade de todas as forzas as que tomen a decisión e que non o faga o grupo de goberno, lembran, “que segue en minoría”.

"Debería mirarse o Concello por que outros concellos permiten cousas que en Cee non se poden", sinala o voceiro do BNG, Serxio Domínguez. "Estamos sen ocio nocturno en Cee dende hai moitos anos, agora ata con asuntos xudiciais por peches de pubs que fixo a alcaldesa. E temos á xente nova por aí indo á Santa Comba". "Disto non vive só as orquestras, que xa estiveron paradas demasiado tempo, senón tamén hostalería, proveedores (casas de distribución...), camareiros..." "A alcaldesa tense que facer unha autoanálise", apunta o voceiro local do BNG.

Piden ademais que o Concello colabore non cobrando a ocupación do espazo público, como se fixo coas terrazas en tempos de pandemia. “Se se presentan todos os permisos, onde está o problema?”, pregúntase Domínguez, que ademais, como o resto de voceiros entende que é necesario recuperar o ocio nocturno para Cee para evitar que a xuventude ande polas estradas.
“Cee está deixando de ser a capital da Costa da Morte”, lamenta Domínguez.

Novas relacionadas

Comentarios