A oposición de Cee pide unha verbena para Fin de Ano

Trala polémica xurdida arredor da verbena que non se puido celebrar esta fin de semana, a oposición volve unirse a favor do sector do ocio nocturno.
Os voceiros do PP, IxCee, BNG e Ciudadanos solicitaron no pleno deste pasado 2 de decembro a celebración dunha verbena na praza Domingo Antonio de Andrade o día 31 de decembro con motivo da celebración do ano vello. Unha proposta que, segundo a oposición “á Alcaldía parecíulle ben”.
Coa intención de que a mocidade non teña que desprazarse nesa especial noite, e de impulsar a economía da hostalería, piden ao goberno local que organice unha verbena, para o que se comprometen a aprobar o correspondente recoñecemento extraxudicial de crédito no mes de xaneiro do vindeiro ano por un importe igual aos gastos da verbena.