Continuamos repasando os traballos gañadores do certame de relatos curtos da Fundación Fernando Blanco. Hoxe voltamos a Baio con Noa Lema Rial, que levou o 2º Premio Categoría B Relatos (ESO).
”Quero ser mariñeiro”, de Noa Lema Rial
![Noa Lema Rial do IES Maximino Romero de Lema de Baio]()
Noa Lema Rial do IES Maximino Romero de Lema de Baio
- “Quero ser mariñeiro”.
Eran as palabras que resoaban na cociña da miña casa. A miña nai estaba lavando a louza e o meu pai estaba recollendo os pratos que quedaran da comida. Cando me escoitaron falar, deixaron de facer as súas tarefas e olláronme perplexos. Eu tiña 16 anos e vivía en Laxe.
- - “Como que queres ser mariñeiro?” – dixo automaticamente a miña nai.
- - “Si, quero ir nun barco aló onde o horizonte se confunde co mar. Quero coñecer esta costa, esquivar os seus baixos nos días de bo mar. Quero traer o barco cargado de peixe ata a costa e que os turistas, no verán, veñan desfrutar da nosa labor. Quero ...“ – pero a voz da miña nai cortoume de seco.
- - “Non!. Iso non pode ser. Ti mellor que te poñas a estudar e despois podes sacar un oficio de fontaneiro, de carpinteiro ou de electricista, o que a ti mais che guste”.
- - “Pero mamá ...”.
- - “Non hai mais que falar!”.
Marchei para o meu cuarto coas bágoas a punto de precipitarse. Sentía unha forte presión no peito. Pero eu era un rapaz testán a mais non poder, e decidín que A miña vida ía vivila como eu quixese.
Na cociña aínda oía falar aos meus pais dicindo que debía poñerme estudar, senón non ía ter futuro. Pero naquela época eu non pensaba no futuro.
Laxe era un pobo fermoso, cheo de pequenos recunchos nos que perderte. O meu sitio favorito era a praia dos cristais. Alí case nunca había xente, polo que adoitaba ir pasear para esclarecer as ideas. Ese día fun ata alí, e foi, posiblemente, o punto de inflexión no que souben de certo que quería dedicarme ao mar. Alí, sentado enriba dos milleiros de anacos de relucentes cristais de diversa procedencia, encontrei ao señor Xoán. Xoán era un home entrado en anos, tranquilo, que ás veces parecía que estaba a vivir nun mundo paralelo no que só el sabía o que acontecía. Nunca tiven moita relación con el, pero sen pensalo, senteime ao seu carón. Estivemos calados durante uns segundos, ata que Xoán rompeu o xeo:
- “Encántame o mar”. Eu contesteille:
- - “A min tamén ....” – e as miñas palabras soaron melancólicas.
- - “Pero é perigoso, non te equivoques. O mar pódeche dar unha fortuna que xamais pensaras, pero tamén che pode quitar o mais
prezado para ti” – na súas palabras sentía dor. Xoán proseguiu:
- “Fai xa moito tempo, cando eu era un mozo duns 17 anos comecei a miña vida de mariñeiro. Eu era un rapaz aventureiro naquela época. Eu e mais o meu pai íamos a pesca do polbo. Traballei moi duro ata que conseguín os cartos para comprar unha casiña a poucos metros da costa. Era novo, gustábame divertirme, e todos aqueles cartos víñanme grandes. Durante anos gasteinos nos bares, apostando en diferentes sitios ... pero despois coñecín a Eulalia. E ela cambiouno todo ...”.
Nese momento decateime de quen era Eulalia.
- “Eulalia fíxome darme conta de que debía asentar a cabeza, xa que tiña preto dos trinta anos ... Casei con ela, e tiven ao meu fillo Ezequiel. El tamén quixo ser mariñeiro ... Aquel mar que tanta riqueza e alegrías me dera, quitoumo todo de repente”.
Eu quedei caldo ... Recordei que houbera un rapaz novo que morrera traxicamente mentres faenaba co seu pai nun día de treboada. Na últimas palabras, a Xoán quebróuselle a voz, pero antes de marchar aínda acertou a dicirme:
- “Mantén os pés no chan rapaz. O mar pode ser despiadado”.
Pese a inmensa dor que transmitían as palabras de Xoán, eu xa tiña decidido que quería ser coma el. Quedei pensando e mirando para aquela inmensidade de cor azul.
O meu pai tiña un barco grande de 14 metros de eslora e 4 de manga. O barco dedicábase á tarrafa ou pesca de cerco (que consiste en tirar o aparello pola popa e facer unha circunferencia grande para atrapar o peixe, de xeito que quede cercado dentro da rede). Ía á pesca da sardiña, do xurelo e da xarda. O meu pai tiña doce persoas traballando no seu barco, e eu quería ser outro mais.
Saían de luns a venres ás tres ou catro da madrugada, e volvía pola mañanciña. Logo, pola tarde, dependendo da época do ano, saían ás seis ou ás sete da tarde e volvían á media noite.
O barco dispoñía dunha gran grúa para subir o aparello, e cada traballador tiña asignada cadansúa tarefa.
Logo de capturar o peixe volvían a porto. Despois levaban unhas mostras da captura á lonxa para que os compradores puideran ver o peixe, e aquel que pagaba mais caro levaba a mercadoría.
Mentres o meu pai saía co barco, a miña nai ataba as redes cando había algunha avaría, ou ás veces axudaba a estibar os peixes nas caixas. De cando en vez, tamén estaba na lonxa para levar as caixas ao camión do comprador.
Eu, mentres tanto, o único que facía era perder a mirada na inmensidade do mar. Embarcábame cos ollos en mil e unha historias de barcos que naufragaran perdéndose na memoria de cantos os viran partir un día. Na miña mente inventaba historias de mariñeiros que vencían terribles tormentas, de homes de a pé que se convertían en heroes ao salvar a toda unha tripulación ...
A min o colexio tampouco me chistaba nada. Eu só ía alí porque os meus pais me obrigaban, mais nin facía os deberes. A miña nai sempre insistía en que debía formarme e buscar un bo emprego para evitar a escravitude do mar, pero eu era novo e non escoitaba.
Os meus días transcorreron lentos, e a maior parte do tempo pasábao na praza ou na praia.
Posiblemente, debido a que os meus pais estaban cansos de darme oportunidades, de mandarme a estudar a Coruña, de facerme rematar a escola e de verme botar o meu futuro a perder, nunha tarde de inverno, tras chegar á casa despois de dar unha volta cos amigos, o meu pai baixou as escaleiras amodo e miroume cun rostro mais serio do habitual. Eu estaba preparando un bocadillo na cociña. Logo dun segundos de silencio, díxome:
- “Mañá embarcas”.
E sen dicir nada mais deu media volta e subiu de novo as escaleiras. Eu quedei alí de pé, mirando pola ventá da cociña, dende onde se podía ver o mar, e pensando que ao día seguinte ía empezar unha nova etapa na miña vida ... e non me equivocaba.
De madrugada, o meu pai levantoume da cama. Eran s tres da mañá. Eu queixeime un pouco, pero vestinme rapidamente e seguino ata o barco. Entramos paseniño na nave. Todos os traballadores miraban para aquel mozo que se iniciaba na dura tarefa de ser mariñeiro. Algúns soltaban unha risa frouxa, outros falaban polo baixo.
Unha vez que todos estivemos a bordo, acendemos o motor e saímos do peirao. Eu non me despegaba do meu pai, e estaba sempre pendente das súas instrucións. Notábaseme nervioso, miraba para todos lados buscando algo que facer para que o meu pai vira que valía para ser mariñeiro.
Facía moito frío, era decembro. Saímos do porto cos aparellos a bordo: dúas redes, unha grande para a sardiña e outra pequena par o xurelo. Na ponte levaban varios aparellos: o sonar, o radar de superficie e unha sonda.
Despois dunha longa hora de camiño detectaron no sonar un banco de peixes, en concreto un banco de sardiñas. Entón o patrón mandoulle á tripulación que comezaran a faenar e largaran a rede pola popa. Aos quince minutos puxeron o aparello na grúa, e a grúa ía subindo o aparello ao barco. Esta faena durou unha hora. Despois de coller a rede fixemos un saco enorme no costado do barco, e nese momento collemos, cun ganapán grande, o peixe que despois metemos para o barco. Polos cálculos do meu pi eran sobre dez ou quince toneladas de sardiña.
Os primeiros días foron moi duros, mareeime, tiven moito frío, e non estaba afeito a traballar. Case non durmía e enfermei de gripe na primeira semana.
Foi cando mis canso me sentía, cando comprendín a razón pola que os meus pais me repetían tantas veces que tiña que estudar e formarme ... pero daquelo xa pasaran moitos anos.
De súpeto, unha voz infantil trasladoume daqueles recordos ao presente. Era o meu fillo que miraba abraiado o mar:
- “Papá, eu de maior quero ser mariñeiro”.
- Noa Lema Rial (IES Maximino Romero de Baio). 2º Premio Categoría B Relatos (ESO).
Gañadores dos Premios Fernando Blanco
Novas relacionadas
Novas relacionadas
Fonte
- Redacción QPC (info@quepasanacosta.com)
- Fundación Fernando Blanco