Polémica en Cee pola imaxe municipal do 25N dunha muller sexualizada: “Parece unha broma”
Facendo repaso ás accións municipais arredor do 25N, atopamos dúas accións nas que os Concellos parecen non entender que estamos no marco do Día Internacional da Violencia de Xénero. Xa vimos o uso partidista e sexualizado dunha cunca de agasallo que o alcalde de Laxe entregou ao alumnado do colexio da vila. Unha polémica semellante acontece estes días en Cee, onde unha imaxe está revolvendo as entrañas da vila.
Correu a semana pasada esta imaxe polos teléfonos do pobo ceense, coa o Concello de Cee quería simbolizar o 25N, cun lema “Sementando a Igualdade”. Unha imaxe, roubada ademais a un autor internacional, que trataba de simbolizar unha “muller desgarrada de dor”, sen reparar na cosificación e sexualización evidente do corpo da muller. O certo é que a mesma imaxe foi utilizada o ano pasado e pasou desapercibida entre a sociedade.
Dende Buserana entenderon a imaxe como “unha broma de mal gusto”, descrendo mesmo en principio que se tratase dunha campaña institucional. “Mira que non hai formas e imaxes para simbolizar o sufrimento dunha muller sen parecer un letreiro dun club de alterne”, sinalan dende a entidade, que ademais lamentan que non houbese representación municipal na concentración convocada polo colectivo e realizada onte na Praza 8 de marzo.
”Cremos que é unha metedura de pata”, sinalan, pero o máis grave é que ao comezar a recibir a imaxe, o colectivo avisou á Concellería a través dun whastapp e un correo “moi correcto”. “Sabemos que non hai mala intención, pero se recibes un aviso dun observatorio feminista como somos nós dende hai 20 anos, deberían tomar nota e retirar a imaxe”, explican.
Pero a reacción foi a contraria, respondendo a alcaldesa na prensa dicindo “a culpa era da mirada machista que a sociedade ten interiorizada”.
A situación tamén foi denunciada polo PP de Cee, que califica a campaña de “terrible”. “O deseño escollido polo Concello de Cee cae exactamente en todo o que se debe evitar”, considera a edil popular Águeda Díaz.