Mércores. 23.10.2024
El tiempo

Rematadas as obras de mantemento e conservación Museo Fernando Blanco de Cee

Museo de Fernando Blanco
Rematadas as obras de mantemento e conservación Museo Fernando Blanco de Cee

Este sábado 7 de xullo remataron as obras de mantemento e conservación do Museo Fernando Blanco de Cee, actuacións que foron abordadas grazas ao convenio de colaboración asinado entre a Consellería de Cultura da Xunta de Galicia e a Fundación Fernando Blanco de Lema, o cal regulou unha subvención de 37.152,55 €.

As obras, desenvoltas por Javier Fidalgo S.L., consistiron no lavado e limpeza da cuberta e das fachadas, substitución de pezas rotas e selado da claraboia central, limpeza de caleiros e selado de xuntas, vernizado da carpintería exterior de ventás e portas, así como o pintado da totalidade dos paramentos exteriores e interiores do museo.

Unhas obras moi necesarias debido a que as filtracións de auga, os descascados, a formación de fungos ou o deterioro producido polas inclemencias climatolóxicas estaban a afectar á conservación do propio inmoble así como tamén á súa estética.

Durante todo este tempo o Museo Fernando Blanco permaneceu pechado ao público, aproveitando o persoal da entidade para desmontar a totalidade das vitrinas expositoras co fin de facilitar as tarefas a abordar no interior das instalacións e, ao mesmo tempo, realizar traballos de limpeza e control do estado de conservación do material exposto.

Tan só queda agora volver a montar a exposición e realizar os pertinentes traballos de limpeza das instalacións tralas obras, polo que está previsto que o Museo volva a abrir ao público o vindeiro venres 12 de xullo no seu horario habitual (de martes a sábado entre as 10 horas e as 13 horas, e entre as 17 e as 19 horas).

Comentarios