Domingo. 28.04.2024
El tiempo

A tensión entre os taxistas de Cee acaba cunha agresión á presidenta do colectivo

Parada taxis Cee
A tensión entre os taxistas de Cee acaba cunha agresión á presidenta do colectivo

Levan meses de tensión entre o colectivo de taxistas de Cee. Xa o pasado mes de xuño do ano pasado case chegan ás mans un taxista e a presidenta da Asociación que representa os 24 profesionais. Dende aquela, a situación seguía sendo tensa, con queixas dun pequeno grupo, e unha maioría silencionsa que prefire deixar pasar o tempo para que as augas volvan calmarse, a pesar de ter sufrido mesmo ameazas.

Pero lonxe de calmarse, esta fin de semana chegaron ao cumio, cunha agresión dun taxista que a presidenta da Asociación está a denunciar na Garda Civil. Algo tan ridículo como o posto na cola para esperar clientes na parada que hai na rúa Domingo de Andrade acabou cunha agresión.

Conta a agredida que tiña o taxi parado mentres falaba cunha coñecida, deixando un oco na cola, cando outro compañeiro recén chegado comezou a pitar e a pedir que se movesen, a pesar de que había espazo de sobra. A taxista pediulle que se calmara, que xa o movía en seguida, pero o outro profesional decidiu meterse nese oco, poñéndose por diante na cola da taxista e doutro compañeiro.

Nese momento, a presidenta da entidade foi pedirlle que saíse do lugar e se poñese a cola, a cousa complicouse e acabou en agresión, cun serio empurrón e varios rasguños na cara. Varios compañeiros e mesmo varios veciños que camiñaban pola zona increparon ao agresor (algo que quere agradecer expresamente a presidenta) e mesmo trasladaron a súa opinión á Garda Civil á súa chegada.

Esta mesma mañá a agredida irá ao Cuartel a poñer unha denuncia cos feitos, esperando que este acoso que leva meses sufrindo, e que tanto lle está afectando na vida persoal, remate dunha vez.

Comentarios