Tesouros da Fundación: Abeto grego

Dúas vistas do Abeto Grego do Xardín Botánico do Museo Fernando Blanco
  • Especie: Abies cephalonica (Loudon, 1838)
  • Cronoloxía: 1886.
  • Ubicación: Xardín do Instituto Fernando Blanco de Cee.

O abeto grego (Abies cephalonica), de escasa presenza nos parques e xardíns de Galicia, é unha árbore de espectacular porte, con cinco pólas grosas, baixas e despregadas, dispostas arredor do tronco, adaptando forma de candelabro. Ten unha postura tipicamente cónica cunha coroa que, coa idade, tende a volverse irregular.

Conta cunha cortiza de cor agrisada nas plantas novas e con tendencia a escurecer nos exemplares mais lonxevos.

As follas teñen forma de agullas longas e aplanadas, dispostas coma un pincel na rama. Os conos masculinos son pequenos, vermellos cando son novos, tendendo a amarelecer por que están cubertos de pole maduro. Os conos femininos son cilíndricos, duns 10-15 cm de lonxitude, con brácteas triangulares apuntadas.


Illa de Cefalonia (Grecia) 

O abeto grego é unha conífera da familia das pináceas, nativo das rexións de Grecia, fundamentalmente do Peloponeso e da illa de Cefalonia. É unha arbore de tamaño mediano (entre 25 e 35 metros), cun diámetro de tronco en torno a 1 metro, e que prospera xeralmente en altitudes de 900 a 1700 metros, en montañas con precipitacións superiores aos 1000 mm. Plántase como árbore ornamental en grandes parques e xardíns, evitándose as zonas xeadas tardías posto que poden danalo gravemente, xa que é unha das primeiras coníferas en renovar as follas na primavera. A súa madeira era moi apreciada e empregada no pasado para a construción en xeral, pero actualmente apenas se usa debido á súa escaseza.

O seu uso na reforestación baséase principalmente na súa forma híbrida natural co Abies alba (abeto común ou abeto branco). Sen embargo, a pesares da diminución das poboacións dos últimos 50 anos, principalmente a causa dos lumes, o abeto grego aínda non está dentro das especies da Lista Vermella de Especies Ameazadas (UICN) en perigo de extinción.

XARDÍN BOTÁNICO DO INSTITUTO FERNANDO BLANCO DE CEE

O abeto grego é a árbore emblemática do xardín botánico do Instituto Fernando Blanco de Cee e, sen dúbida, a de maior singularidade de todo o espazo axardinado.

Atópase no lado esquerdo do maxestoso xardín do centenario instituto ceense o cal, superado claramente o século da súa creación, e con mínima documentación para poder certificar a autoría do proxecto de xardinaxe (presuntamente foi obra de José María Aguilar y Vela, o mesmo arquitecto encargado dos dous edificios da Fundación), é de supoñer, como punto de partida, que o xardín se trazase ao rematar a edificación do Instituto (1886), e que, polo tanto, este sexa o momento da incorporación do catálogo floral compoñente da plantación orixinal, do que sobreviven algúns exemplares.

O certo é que estamos ante un espazo de pequenas dimensións e sinxela traza, de estilo ecléctico, que combina, nos seus diferentes compartimentos, a xeometría co paisaxismo, tendo a súa faceta mais salientable na flora que alberga, caracterizada pola súa diversidade e monumentalidade. Con fins descritivos, o xardín pode ser estruturado en dous compartimentos: o xardín antigo e a prado arborado. O xardín antigo desenvólvese en torno ao edificio, mentres que a prado arborado é de mais recente creación.

Como remate, ademais da personalidade que emana do catálogo floral, convén ter presentes os atributos que aporta o mundo da pedra, que contribúen á valoración da entidade do xardín (o edificio, a reixa e a muralla de peche, a casa do bedel, a fonte, etc).

OUTROS TESOUROS DA FUNDACIóN