Venres. 25.09.2020
El tiempo

Tesouros da Fundación: Placa conmemorativa dedicada a Vicente Vázquez Queipo

Vázquez Queipo era o apoderado dos primeiros testamenteiros de Fernando Blanco de Lema.

  • Autor: ENRIQUE MAYER CASTRO (1861 – 1931)
  • Ano: 1893
Placa conmemorativa dedidaca a Vicente Vázquez Feipo realizada por Enrique Mayer Castro
Placa conmemorativa dedidaca a Vicente Vázquez Feipo realizada por Enrique Mayer Castro
Tesouros da Fundación: Placa conmemorativa dedicada a Vicente Vázquez Queipo

A Fundación Fernando Blanco de Lema conta con tres placas conmemorativas realizadas por Enrique Mayer Castro, as cales actualmente atópanse colgadas das paredes do Sala de [email protected] do Instituto ceense. Todas elas son dunha delicadeza e perfección exquisitas.

A que hoxe nos ocupa é a dedicada ao insigne e polifacético lugués Vicente Vázquez Queipo, apoderado, entre os anos 1880 e 1888, dos primeiros testamenteiros de Fernando Blanco de Lema.

Grazas ao interese, sempre crecente, que Vázquez Queipo amosou por todo o que se refería á Fundación, contribuíu a que se realizasen, no mais breve prazo posible, as últimas vontades do filántropo natural da vila da Xunqueira. E así logrouse dar comezo ás obras do edificio o 2 de agosto de 1880, abrindo as súas portas ao ensino o 2 de outubro de 1886, a pesares dos mil obstáculos e dificultades que houbo que superar.

O actual IES Fernando Blanco é a realización galega que, aínda hoxe, dinos mais do fuste do personaxe. Vicente Vázquez Queipo tivo o bo criterio de supeditar o deseño do edificio ao programa educativo preparado por Acisclo Fernández Vallín, conselleiro de Instrución Pública e promotor de varias reformas educativas en España.

O profesorado da Fundación, como mostra de gratitude, e admirando a multitude se méritos e as brillantes calidades persoais que adornaban ao home que destacou nas ciencias, na literatura, na historia e na política, celebrou unha reunión o 13 de marzo de 1893, dous días despois do seu pasamento, na que se tomaron os seguintes acordos:

- “1º. Asociarse al justo dolor de la familia del ilustre sabio y hacer que constase en acta el profundo sentimiento experimentado por todos al tener noticia de tan irreparable y sensible pérdida.
- 2º. Comisionar en Madrid á una persona de confianza para que, en nombre del profesorado del Colegio, colocase una corona sobre el catafalco el día de los funerales, ya que por falta de tiempo no podía depositarse sobre el féretro.
- 3º. Dedicar á la memoria del respetable anciano una lápida que se colocará en uno de los salones de este Establecimiento.
- 4º. Manifestar al Excmo. Sr. D. Antonio Vázquez Queipo, el gusto con que vería el profesorado del Colegio, que tanta admiración y respeto profesaba a su sabio y venerable padre, que tuviese á bien acordar se celebrasen en lo sucesivo, por el alma del que fue modelo de honradez y laboriosidad á la par que excelente cristiano, en la Capilla de este Establecimiento, iguales sufragios que por los que fueron albaceas, y una misa ad perpetuum en el día de San Vicente”.

A placa conmemorativa en cuestión, realizada por Enrique Mayer Castro, conta cun impresionante marco en madeira de nogal, con profusa decoración vexetal e coroado por dous anxos, obra do tallista compostelán Jesús Lavandeira. Das tres placas propiedade da Fundación, esta é a de maior porte e traballo, contando, na parte central superior, gravado en metal, co símbolo do ensino, e unha lenda en latín na que se repasan os méritos do homenaxeado e faise fincapé no agradecemento do persoal do centro educativo á súa figura.

O Homenaxeado

VICENTE VÁZQUEZ QUEIPO. ÓLEO DE FEDERICO DE MADRAZO QUE SE PODE VER NO MUSEO FENANDO BLANCO. ANO 1888 copia
Vicente Vázquez Queipo nun Óleo de Federico de Madrado que se pode ver no museo Fernando Blanco. Ano 1888

Vicente Vázquez Queipo naceu o 17 de febreiro de 1804 na coñecida coma Casa Grande de Lusío (Samos - Lugo). Comeza os seus estudos na casa familiar, para continualos no famoso Colexio do Cardeal en Monforte de Lemos.

CASA GRANDE DE LUSÍO (HOXE RECONVERTIDA EN ALBERGUE PÚBLICO) ONDE NACEU VICENTE VÁZQUEZ QUEIPO copia
Casa Grande de Lusío, hoxe reconvertida en Albergue público, onde naceu Vázquez Queipo

No 1820 ingresou na Universidade de Valladolid. Dedicouse ao estudo das ciencias exactas, físicas e naturais, á vez que ás materias de Dereito, conciliando dúas formacións que parecían antitéticas: a xurídica e a físico-matemática. Doutorouse nesta facultade no 1826, e catro anos mais tarde ganaba, por oposición, a Cátedra de Física da Universidade de Valladolid.

Cando parecía destinado á docencia, a súa fama universitaria transcendeu a Madrid. Comisionado polo goberno español, o ministro López Ballesteros converteuno no primeiro bolseiro que España desprazou a París para completala súa formación na Escola Central das Artes e das Manufacturas, e como consecuencia dos seus xa grandes coñecementos e da súa constante aplicación, mereceu a honra de ser nomeado Axudante dos Profesores de Física e Química de dita Escola, que o eran Mr. Peclet e o ilustre Dumas. No ano 1847 ingresou na Real Academia de Ciencias; formaba tamén parte da Real Academia de Historia, e era membro correspondente do Instituto Imperial de Francia dende 1860, ano no que esta importante institución científica adxudicoulle o primeiro premio de Numismática pola obra titulada “Essai sur les systèmes métriques et monétaires des anciens peuples, depuis les premiers temps historiques jusqu ́à la fin du Kalifat d ́Orient”.

Outras moitas obras publicou Vázquez Queipo durante a súa longa e laboriosa vida. Entre elas están as súas “Tablas de los logaritmos vulgares de los números desde 1 hasta 20.000, y de las líneas trigonométricas” (1853), as cales nacen coa intención de simplificalos cálculos, e convertéronse nun dos libros máis singulares da nosa historia editorial. Resultaron premiadas na Exposición Universal de París de 1867, e foron adoptadas na maior parte dos centros de ensino de España. Continuáronse vendendo, logo da morte do seu autor, durante oito décadas, e só as máquinas de calcular foron capaces de relegalas a un segundo plano. Outro libro, o último que publicou á avanzada idade de 83 anos, tende tamén a vulgarizar os cálculos aritméticos. Titúlase “Aritmética superior mercantil”, e nel atópanse fórmulas sinxelas para resolver, por medio de logaritmos, cantos problemas poidan presentarse sobre cuestións de interese simple ou composto, incluso os empréstitos públicos, das corporacións ou das empresas particulares.

Moitos mais son os traballos publicados por Vázquez Queipo sobre asuntos científicos, económicos, monetarios ou políticos. “La cuestión del oro”, publicada en 1861; “La crisis monetaria española”, en 1866; “Informe fiscal sobre el fomento de la población blanca y emancipación progresiva de la esclava negra en la Isla de Cuba”, en 1844. Este último informe converteuse en todo un clásico, dando a volta ao mundo.

Os cargos que desempeñou, ademais do de Catedrático de Física, xa citado, foron numerosos: Fiscal de Facenda na illa de Cuba, Deputado a Cortes, Senador Vitalicio, Director Xeral de Ultramar, Subsecretario do Ministerio da Gobernación, Comisario Rexio do Observatorio Astronómico, Presidente da Comisión do Mapa Xeolóxico de España, etc., sendo condecorado, polos seus importantes servizos, coa gran Cruz de Isabel A Católica.

Tivo peso destacado en tódalas reformas educativas constitucionais, e nos últimos anos asesorou a un ministro excepcional, o novo Conde de Toreno, o cal tramou, con Montero Ríos e co Cardeal Pallá, o nacemento simultáneo do laicismo escolar e da institución libre de ensinanza.

O Autor

ENRIQUE MAYER CASTRO. FOTOGRAFÍA ANTERIOR A 1927 CEDIDA POR CONCEPCIÓN MAYER VIÑA copia
Enrique Mayer Castro nunha imaxe anterior a 1927 cedida por Concepción Mayer Viña

Enrique Mayer Castro, de ascendencia alemá, naceu en Santiago de Compostela o 13 de abril de 1861, no seo dunha familia artesán dedicada á reloxería e á fabricación de caixas de música.

Dende mozo, a súa afección polo gravado levouno a estudar na Sociedade Económica de Santiago, onde foi alumno doutro gran gravador galego, o mestre Modesto Brocos.

Xa a principios do século pasado viaxou a Madrid para amplialos seus estudos a carón doutro coñecido gravador-xilógrafo, tamén de orixe santiaguesa, chamado Arturo Carretero.

Despois de anos de formación, volveu á cidade que o veu nacer, creando un obradoiro de gravado en madeira e metais, e colaborando con frecuencia cos máis importantes xornais e revistas. A el débense as ilustracións de varias revistas coma “Galicia Diplomática” e “Galicia Humorística”, e de varias obras coma “Arqueología Sagrada”, “Lecciones de Arqueología”, “Pórtico de la Gloria” e “Historia de la Catedral Compostelana”, do canónigo e arqueólogo López Ferreiro.

Este xenial artista acude a varias exposicións (Barcelona, Lugo, Santiago, París, Bos Aires, Madrid) onde sobresae coas súas aportacións artísticas en acibeche. Ademais da súa faceta artística, ten un grande interese a súa aportación investigadora á arte do gravado sobre madeira ou xilografía.

Exerceu a docencia dende 1890 coma profesor de debuxo na Sociedade Económica de Santiago, dende onde impulsou o establecemento dun obradoiro de escultura en acibeche, co obxecto de que non se perdera esta nobre arte. Tamén foi profesor de debuxo artístico na Escola de Artes e Oficios de Santiago; ámbolos cargos desempeñounos ata a súa morte.

De entre as diversas actividades da súa vida artística podemos citar as seguintes:

- En 1896 forma parte do xurado de Artes Liberais da Exposición Rexional de Lugo.
- En 1897 é nomeado Socio de Mérito da Asociación de Artes Gráficas de Santiago.
- En 1919 é nomeado membro correspondente da sección de Belas Artes do Instituto de Estudos Galegos da Coruña.
- En 1928 forma parte da 1a Xunta Directiva da Sociedade de Amigos da Arte de Santiago.
- En 1929, forma parte, xunto con Castelao e outros artistas, do Tribunal para conceder as pensión da Deputación de Pontevedra.
- Dende 1930 é nomeado membro do Padroado que redactou a carta fundacional da Escola de Traballo.
-…

Enrique Mayer morre en Santiago o 15 de novembro de 1931.

Sen dúbida Enrique Mayer Castro merece ser lembrado coma galego ilustre, por toda unha vida dedicada ao traballo e a difusión dos seus coñecementos, e, especialmente, pola súa gran aportación ás artes da Galicia do seu tempo.

PLACA NA CASA NATAL DE MAYER CASTRO EN SANTIAGO copia
Placa na casa natal de Mayer de Castro en Santiago

  • Darío Areas, Secretario da Fundación Fernando Blanco.

OUTROS TESOUROS DA FUNDACIóN

comentarios