Tesouros da Fundación: Modelo Locomotora de Crampton
- Inventor: THOMAS RUSSELL CRAMPTON (1816-1888).
- Fabricante: G. FONTAINE (PARÍS)
- Cronoloxía: 1890-1891

Modelo mercado, como a case maior parte dos aparellos que formaban parte dos gabinetes de física e química do antigo centro de segunda ensinanza da Fundación Fernando Blanco de Cee, na casa de material científico G. Fontaine da capital de Francia, durante o curso académico de 1890-1891.
Estaba destinado este modelo a observar, na práctica, o funcionamento das máquinas de vapor que movían as locomotoras, así como a mostrar como se transforma a enerxía calorífica do vapor en movemento das rodas mediante un mecanismo de biela-manivela.
O modelo consta de dobre máquina de alta presión, unha a cada costado.
O vapor, formado na caldeira, distribúese nas caixas laterais para impulsar o émbolo nos cilindros. Este movemento transmítese pola biela ás rodas motrices que, apoiadas nos raís, e polo rozamento debido ao seu peso, arrastran o tren.
Thomas Russell Crampton (1816-1888)
Thomas Russell Crampton foi un enxeñeiro británico que comezou a súa carreira na construción do Great Western Railway de Brunel. É principalmente coñecido como o deseñador das locomotoras Crampton, pero estivo interesado noutros moitos campos da enxeñería, como o telégrafo eléctrico, sendo responsable do tendido do primeiro cable submarino internacional no mundo montado no estreito de Dover en 1851, e tamén o proxecto do túnel do Canal da Mancha que une Francia e Inglaterra, para o que deseñou unha máquina hidráulica perforadora automática.
Coas súas máquinas, que serán a base das locomotoras non só en Inglaterra, senón en toda Europa, particularmente en Francia e en Alemaña, Thomas Russell Crampton marcou unha época na velocidade ferroviaria.
Cun só eixe motor de gran diámetro de roda e dous ou tres eixes portadores dianteiros, as “Crampton” tiñan a particularidade de dispoñer dun bo circuíto de vapor para a época. Outra peculiaridade das locomotoras Crampton era o uso dunha caldeira de sección oval, para baixar o centro de gravidade, o que lles proporcionaba moi boa estabilidade.
Locomotora Crampton de 1846
As primeiras foron fabricadas en 1846-1847 pola compañía Tulk e Ley de Whitehaven para o ferrocarril belga de Namur a Lieja.
En Francia, onde se puxeron en servizo as primeiras entre 1848 e 1849, gozaban dunha estabilidade asombrosa, ata tal punto que un decreto do emperador Napoleón III , do 30 de xuño de 1853, autorizou a súa circulación a 120 km/h.
Thomas Russell Crampton foi membro da Institución de Enxeñeiros Civís, da Institución de Enxeñeiros Mecánicos e membro da Orde Prusiana a Aguia Vermella.
Morreu na súa casa de Westminster (Londres) o 19 de abril de 1888, e hoxe en día ten dedicado un museo na súa localidade natal de Broadstairs, en Kent, onde se conmemora a súa vida e obra como enxeñeiro.
OUTROS TESOUROS DA FUNDACIóN
- Tesouros da Fundación: Telégrafo de Morse.
- Tesouros da Fundación: Cámara escura fotográfica.
- Tesouros da Fundación: Placa conmemorativa dedicada a Vicente Vázquez Queipo.
- Tesouros da Fundación: Máquina de escribir Underwood Nº5 .
- Esquema orográfico e hidrográfico de Galicia.
- Fonógrafo de Edison
- Estación Telefónica Interurbana (O primeiro teléfono de Cee).
- óóleo de Fernando Blanco de Lema.