Sábado. 20.04.2024
El tiempo

Tesouros da Fundación: Cristo Crucificado (óleo)

  • Autor: FRANCISCO DÍAZ CARREÑO (1836- 1903)
  • Cronoloxía: 1889-1890.
Tesouros da Fundación: Cristo Crucificado (óleo)

Cristo crucificado de Díaz Carreño (1889-1890) copia
Cristo crucificado de Díaz Carreño (1889-1890) 

A Fundación Fernando Blanco de Lema conta con 6 óleos realizados por Francisco Díaz Carreño entre os anos 1889 e 1890, os cales foron encargados para decorar as paredes da capela do centenario instituto ceense. Trátanse loxicamente de obras de temática relixiosa: “San Luís Gonzaga”; “A Virxe do Rosario co Neno” (copia da de Bartolomé Esteban Murillo); “San Xosé co Neno”; “A aparición da Virxe de Lourdes”; “Inmaculada Concepción do Escorial” (copia tamén da de Bartolomé Esteban Murillo); e a obra protagonista deste artigo: “Cristo crucificado” (copia do de Diego Velázquez).

A obra que nos ocupa, adquirida no curso 1889-1890, é unha fiel reprodución do mais que célebre e coñecido óleo do mesmo título de Diego Velázquez, pintor barroco do século XVII, considerado un dos máximos expoñentes da pintura española e figura indiscutible da pintura universal.

Cristo crucuificado de Diego Velázquez copia
Cristo crucuificado de Diego Velázquez

A reprodución realizada por Francisco Díaz carreño é de considerables proporcións (224 cm x 145 cm), aínda que un pouco mais pequena co orixinal de Velázquez, e foi realizada coa técnica do óleo sobre lenzo.

Velázquez, e por extensión Díaz Carreño, pintan o Cristo seguindo a iconografía aceptada no século XVII. Represéntase con catro cravos e os pés xuntos apoiados nunha pequena ménsula de madeira, e cun contrapposto clásico que deixa todo o peso nunha perna, mentres que a outra descansa. Pintan o pano de pureza (tamén chamado prizoma) bastante pequeno, sen excesos de voos como era costume no barroco, e deste xeito poder amosar o corpo nu o máximo posible, facendo así un estudo muscular da anatomía humana. A faciana está caída sobre o peito, deixando ver o suficiente dos seus trazos e faccións nobres. Mais da metade da cara está cuberta polo longo cabelo, que cae en vertical como anunciando a morte xa acaecida pola ferida que aparece no costado dereito.

Carece totalmente do dramatismo propio do estilo barroco. O sangue é mínimo, o que nos demostra a súa inspiración andaluza, moito menos dramática ca dos Cristos casteláns realizados por artistas da mesma época como Gregorio Fernández.

O cadro está asinado na súa parte esquerda coa seguinte inscrición: “Francisco Díaz Carreño. Madrid”. Francisco Díaz Carreño naceu en Sevilla no 1836. Realizou a súa formación artística na Real Academia de Belas Artes de San Fernando de Madrid, converténdose en discípulo de Federico de Madrazo y Kuntz, pintor este moi ligado á historia da Fundación pois da súa autoría son os retratos de Fernando Blanco de Lema, dos catro primeiros fideicomisarios e do apoderado do testamento do filántropo ceense.

No 1862 trasladouse a Roma para ampliar estudos grazas a unha pensión que lle foi concedida pola raíña Isabel II, e obtivo ao seu regreso varias recompensas en diferentes Exposicións Nacionais, destacando entre elas a Cruz de María Victoria.

Foi ademais profesor auxiliar de debuxo no Conservatorio de Artes de Madrid.

Como pintor é coñecido, sobre todo, polas súas obras históricas, polas súas copias de cadros clásicos, e pola realización de retratos de integrantes das élites madrileñas desa época.

OUTROS TESOUROS DA FUNDACIóN

Comentarios