Xoves. 22.04.2021
El tiempo

Tesouros da Fundación: Pila en columna de Volta

  • Inventor: Alessandro Volta (1745-1827).
  • Fabricante: G. Fontaine (París).
  • Cronoloxía: 1890-1891.
Tesouros da Fundacion Fernando Blanco-Pila Volta
A Pila de Volta, á esquerda a da Fundación, e á dereita unha representación
Tesouros da Fundación: Pila en columna de Volta

Reciben o nome xenérico de pilas os xeradores de electricidade que transforman a enerxía desenvolvida nas reaccións químicas.

Cando se introducen dous metais distintos nun electrólito presentan unha determinada diferencia de potencial. Ao conectalos por medio dun condutor exterior prodúcese unha corrente eléctrica. Este é o fundamento da pila voltaica de columna ideada no ano 1800.

A pila de Volta componse dunha serie de discos de cobre ou cinc alternos, separados cada par por un pano mollado en auga acidulada que actúa como electrólito, e apilados horizontalmente uns sobre outros. Os discos sostéñense por tres columnas illantes de vidro encaixadas nunha base circular de madeira cunha pequena tapa, tamén de madeira, na parte superior.

Esta “pila de discos” empeza e remata con discos de diferente tipo.

Conectando cun arame os discos situados nos extremos lógrase que circule un fluxo eléctrico.

O descubrimento da pila tivo a súa orixe nunha experiencia do físico italiano Luigi Galvani, o cal estudaba a influencia da electricidade sobre a irritabilidade nerviosa dos animais. No 1786 observara como ao poñer en comunicación, por medio dun circuíto metálico, os nervios lumbares cos das coxas ou pernas dunha ra, a cada contacto axitábanse ou repregábanse. Galvani xa observara que a electricidade das máquinas eléctricas producía sobre as ras mortas moitos fenómenos análogos e atribuíu estes á existencia dunha electricidade que chamou fluído vital.

Esta teoría foi combatida por Volta que fixou a súa atención nos metais que establecían a comunicación entre os músculos da ra. Achacou Volta a estes metais o papel activo no fenómeno da contracción, e que esta era moito máis enérxica cando o arco compoñíase de dous metais. Para el, o efecto producíase polo simple contacto dos metais e que as partes animais desempeñaban o papel de condutores e que eran, a súa vez, un electroscopio moi sensible.

Das experiencias de Volta para demostrar as súas teorías, e da súa controversia con Galvani, surxiu o invento da pila. En xeral, este tipo de pilas eran utilizadas cando se precisaba dunha corrente continua constante de baixa tensión, para usos en galvanoplastia, telegrafía e telefonía, aparellos médicos, timbres, etc.

ALESSANDRO VOLTA (1745-1827) copia
Alessandro Volta (1745-1827)

O descubrimento de Alessandro Volta abriría o camiño a toda unha serie de novos achados en materia de electricidade. Alessandro Volta naceu no ano 1745 en Como (Italia). Interesouse e investigou un dos fenómenos máis famosos da súa época: a electricidade. Aos 18 anos realizaba experimentos eléctricos e mantiña correspondencia con investigadores europeos no campo da electricidade.

No 1774 foi elixido profesor de física da Escola Superior de Como, e no ano seguinte inventou o electróforo, un aparello que producía cargas eléctricas. Este invento provocou que a súa fama se estendese moi rapidamente e que, no 1779 se lle asignara a cátedra de física experimental na Universidade de Pavia, a cal ocupou durante 25 anos, e onde proseguiu cos seus traballos e investigacións sobre a electricidade.

Volta ideou outros aparellos como o electroscopio condensador ou o eudiómetro, pero, sen dúbida, o traballo que más fama lle deu foi a invención da pila no 1800. Volta inventou unha serie de aparatos capaces de producir fluxo eléctrico. Para elo empregou recipientes cunha solución salina conectados a través de arcos metálicos. Conectando varios destes recipientes conseguiu a primeira batería eléctrica da historia. Para reducir complicacións debido á necesidade de utilizar solucións, axiña empezou a usar pequenos discos redondos de cobre e cinc e outros de pano ou cartón empapados en auga acidulada, de xeito que os unía formando unha serie (cobre, pano, cinc, cobre, pano, cinc, etc), todos eles apilados, formando unha columna. Cando unía os extremos da pila mediante un fío conductor, ao pecharse o circuito, obtíñase unha corrente eléctrica.

A pila de Volta espertou un gran entusiasmo entre os científicos da súa época, servindo de base para os traballos químicos de Davy e para o estudo dos fenómenos electromagnéticos que fixo Faraday.

Polo seu traballo, Napoleón nomeouno conde e senador do reino de Lombardía, ademais de recibir a medalla de ouro ao mérito científico pola Academia das Ciencias do Instituto de Francia.

Os seus últimos anos de vida pasounos na súa facenda de Camnago, preto de Como, onde faleceu en 1827.

OUTROS TESOUROS DA FUNDACIóN

comentarios