Xoves. 06.08.2020
El tiempo

Tesouros da Fundación: Telégrafo de Morse

  • Inventor: SAMUEL MORSE (1791-1872)
  • Fabricante: MAISON & BREGUET (PARÍS)
  • Cronoloxía: 1890-1891
Tesouros da Fundación: Telégrafo de Morse

Telégrafo que consta de dúas pezas: manipulador e receptor.

O manipulador consiste nunha panca metálica que pode oscilar sobre un eixe. Presenta tres bornes en forma de pivote externo, co contacto e o resorte no mesmo lado. Pulsando o extremo da panca prodúcese o contacto eléctrico.

O receptor está formado por un electroimán que atrae unha pequena placa metálica que, no seu movemento, arrastra unha panca móbil sobre un eixo. Esta panca remata nun pequeno punzón que deixa un risco, curto (punto) ou longo (raia), sobre unha banda de papel envolta nun tambor que recibe un movemento regular dun aparello de reloxería.

Os telégrafos constan de catro partes fundamentais: pila, arame de liña, manipulador e receptor.

Representación esquemática dunha estación telegráfica copia

O manipulador e o receptor están enlazados polo arame, o cal conduce a corrente dunha pila dende o primeiro ata o segundo. Cando o manipulador non funciona, o arame de liña está en contacto co receptor. Cando se pulsa o manipulador a corrente da pila pasa ó arame da liña.

A grande innovación deste aparello consiste na capacidade de rexistro das comunicacións recibidas sobre unha tira de papel, collida como nun laminador entre dous cilindros que se moven por un mecanismo de reloxería. O telégrafo de Morse requiría unha linguaxe especial baseada en contactos longos e curtos do manipulador (código Morse). Combinando varias raias e puntos obtéñense, segundo convenio, signos equivalentes ás letras do alfabeto.

SAMUEL MORSE 1791-1872

Samuel Morse naceu en Massachussets en 1791. Fillo dun pastor calvinista, durante os seus estudos na Academia Phillips e na Universidade de Yale, nunca demostrou demasiado interese polas clases, agás pola pintura e a electricidade. Despois de graduarse en Yale, viaxou a Londres a estudiar belas artes, converténdose alí en retratista e escultor de éxito.

Ao seu regreso a EEUU converteuse nun dos pintores mais importantes e respectados do país. Pero pouco a pouco Morse foille prestando mais atención á química e á electricidade, e así, nunha viaxe de barco, e despois de oír unha conversa acerca do invento do electroimán, pensou na idea de crear un telégrafo eléctrico que servise para enviar mensaxes a longas distancias a través dun cable.

En 1835 xa tiña o primeiro prototipo de telégrafo, e en 1838 xa creara o código que permitía cursar as mensaxes. No 1843, o Congreso de EEUU asignoulle 30.000 dólares para construír unha liña telegráfica de 60 km. que uniría as cidades de Baltimore e Washington. En maio de 1844, a primeira liña telegráfica electromagnética estaba xa lista para a proba. O 24 de agosto dese mesmo ano, Morse enviou dende o Capitolio a primeira mensaxe telegráfica do mundo, converténdose así nun heroe nacional. A frase que transmitiu foi “What hath God wrought” (O que fixo Deus!).

Esta mensaxe significou o nacemento dunha nova era que marcaría de por vida as telecomunicacións e precedería unha serie de inventos a raíz da mellora do telégrafo.

Unha vez demostrada na práctica a posibilidade de enviar mensaxes, comezou de inmediato o rápido enlace entre as diferentes cidades de EEUU.

Unha parte da fortuna que lle proporcionou o telégrafo dedicouna Morse a subvencionar obras benéficas. Samuel Morse morreu de pulmonía en 1872, pero o seu sistema de transmisión de mensaxes telegráficas por cables de forma inmediata e a longas distancias, así como o código que el mesmo ideou, é o máis sinxelo e práctico que a humanidade empregou durante moitos anos. A pesar da aparición moito despois do telex e do fax e, por último, do correo electrónico, aínda hoxe séguese empregando, aínda que a moita menor escala.

  • Darío Areas, Secretario da Fundación Fernando Blanco.

OUTROS TESOUROS DA FUNDACIóN

comentarios