Venres. 19.04.2024
El tiempo

Tesouros da Fundación: Pirómetro de Cuadrante

  • Inventor: PIETER VAN MUSSCHENBROEK (1692-1761).
  • Cronoloxía: 1890-1891.
Pirometro de Cuadrante da Fundacion Fernando Blanco
Tesouros da Fundación: Pirómetro de Cuadrante

Empregábase para demostrar a dilatación lineal dos metais e para comprobar o diferente coeficiente de dilatación dos mesmos. Trátase dun instrumento moi típico dos Gabinetes de Física nos centros de ensino durante o século XIX.

A dilatación térmica consiste nun aumento súbito do volume dun corpo cando se lle subministra calor, sen que se produza cambio algún no seu estado de agregación molecular. Esta variación de volume explícase ao observar que, co aumento da temperatura, as moléculas do corpo aceléranse e, en consecuencia, prodúcese un aumento das dimensións do espazo intermolecular.

O aparello componse dunha base rectangular de madeira sobre a que vai montado un depósito cilíndrico cunha mecha no seu interior. Este queimador pode xirar.

Dous soportes metálicos verticais permiten axustar, enriba do queimador, a barriña metálica sobre a que se estuda a dilatación. Esta barriña metálica vai fixa nun dos soportes por un parafuso de presión, mentres que o outro extremo da barriña está libre e en contacto co brazo menor dunha panca móbil sobre un cuadrante graduado.

Inicialmente, cando non se aplica calor á barriña, a agulla marca cero na escala. Ao quentala hai un aumento de temperatura en toda a súa lonxitude e prodúcese unha dilatación, dando lugar a un incremento das súas dimensións, e, por tanto, a agulla verase premida e irá marcando sobre o cuadrante o aumento de lonxitude producido. Así poderase determinar o coeficiente de dilatación lineal do sólido que compón a barriña.

O aparello só dispón agora dunha barriña metálica de ferro, aínda que orixinalmente contaba con outras de cobre, bronce, estano, etc.

PIETER VAN MUSSCHENBROEK (1692-1761)

Pieter van Musschenbroek foi un físico holandés nacido en Leiden no ano 1692.

A súa obra, composta de numerosos manuais e outras tantas investigacións nos campos do magnetismo, electricidade e calorimetría, representan, de forma cabal, o paradigma do físico experimental ilustrado. As publicacións mais prestixiosas de Van Musschenbroek foron “De aeris praesentia in humoribus animalium”; “Dissertationes physicae experimentalis et geometricae”; e “De metodo instituendi experimenta phisices”.

Estudou na Universidade de Leiden, recibindo o doutorado en medicina no 1715. Trasladouse a Inglaterra para estudar filosofía, rematando a carreira no 1719. Foi profesor de matemáticas e fisica na Universidade de Duisburg (Alemaña) entre 1719 e 1723.

En 1723 abandona este cargo para trasladarse á Universidade de Utrecht, onde se encargou do posto de profesor de matemáticas, permanecendo aquí ata 1740, época na que acadaría gran fama como físico experimentador. Finalmente entrou na Universidade de Leiden, ocupándose da materia de matemáticas e de filosofía e, a partires da morte de S ́Gravesande, da de física experimental, posto que ocupou ata o seu pasamento en 1761.

Ademais do pirómetro de cuadrante, Musschenbroek realizou varios experimentos sobre a electricidade. Así, no 1746, nun deses experimentos, propúxose investigar si a auga pechada nun recipiente podía conservar cargas eléctricas. Durante esta experiencia, un dos seus asistentes, Andreas Cunaeus, colleu o recipiente e recibiu unha forte descarga eléctrica. Deste xeito descubriu a famosa botella de Leiden, base dos actuais condensadores, a cal consistía nunha botella de vidro, parcialmente chea de auga, e tapada cunha cortiza atravesada no seu centro por un cable cun dos seus extremos somerxido na auga. Cando se conectaba o cable a unha fonte de enerxía estática a botella cargábase, e podía descargarse conectando o seu borne central a un punto potencial cero (terra).

Van Musschenbroek foi membro de distintas sociedades e academias de ciencias como as de París e Berlín. No 1747 foi elixido como membro estranxeiro da Real Academia Sueca de Ciencias, e en 1754 foi nomeado profesor honorario da Academia Imperial de Ciencias de San Petersburgo.

OUTROS TESOUROS DA FUNDACIóN

Comentarios