Xoves. 22.04.2021
El tiempo

Tesouros da Fundación: Gravado “A Virxe do Peixe”

  • Autor: Fernando Selma (1752-1810).
  • Cronoloxía: Orixinal gravado en 1782.
Tesouros da Fundacion-Gravado da Virxe do Peixe
Gravado da Fundación e óleo orixinal da Virxe do Peixe de Rafael Sanfio
Tesouros da Fundación: Gravado “A Virxe do Peixe”

Entendemos por gravado o resultado do traballo realizado sobre unha superficie de madeira, metal, linóleo ou pedra litográfica, chamada prancha ou matriz, por medio de instrumentos cortantes, punzantes ou de ácidos que atacan a superficie.

O resultado é a estampa, soporte xeralmente de papel ao que se trasladou a imaxe por medio da tinta ao poñer en contacto a folla de papel coa prancha gravada e tinguida, exercendo presión cun tórculo ou prensa vertical.

Por extensión tamén recibe o nome de gravado a estampa así realizada, de xeito que se confunde o proceso co resultado.

AUTORRETRATO DE RAFAEL SANZIO (1483-1520) copia
Autoretrato de Rafael Sanzio (1483-1520)

A Virxe do Peixe é un cadro de Rafael Sanzio, tamén chamado Rafael de Urbino (1483-1520), pintor italiano do Renacemento. Aínda que se descoñece a data exacta da obra, pódese datar no 1513, época na que Rafael estaba traballando nas estancias vaticanas.

O cadro de Rafael está pintado coa técnica do óleo sobre táboa, e ten unhas dimensións de 215 x 158 cm. Represéntase nesta obra unha Sagrada Conversa, típica do Renacemento italiano, na que aparece a Virxe María con manto azul e alzada mediante un sinxelo pedestal, suxeitando ao Neno coas mans. Tanto a Virxe coma o Neno son contemplados, á esquerda do espectador, polo Arcanxo Rafael e por Tobías, que leva na man dereita o peixe co que soe ser representado, e á dereita do espectador por San Xerónimo cun libro nas mans e co tradicional león aos seu pés.

Rafael incorpora así á súa obra un recorrido bíblico que durante moito tempo exhibiuse na capela de Santa Rosalía da igrexa napolitana de San Domenico, antes de que chegara a mans do vicerrei e que este lla entregara ao rei español Felipe IV.

As figuras forman parte das mellores creacións de Rafael, especialmente a da Virxe, cuxa expresión e mirada baixa só podían ser obra do artista de Urbino.

O conxunto, de gran forza compositiva, é representativo do nivel artístico alcanzado por quen na mesma época decoraba as estancias vaticanas.

Si ben a autoría desta táboa esta fora de toda dúbida, algúns expertos sinalan que nela puido participar Giulio Romano, o que é perfectamente posible dado que foi un dos alumnos predilectos de Rafael.

FERNANDO SELMA (1852-1810) copia
Fernando Selma (1852-1810) 

Os gravados, como este, xogaron un papel fundamental por difundir entre a poboación as obras dos grandes pintores, as cales, de non ser así, serían descoñecidas para gran parte do público. Fernando Selma foi un célebre gravador español nacido en Valencia. Fixo os seus estudos na Academia de San Carlos (Valencia) e na Academia de San Fernando (Madrid).

Pensionado por Carlos IV e protexido pola Academia de San Fernando, aproveitou ao máximo os consellos dos seus mestres, Francisco Bayeu e Manuel Salvador Carmona, manifestando nos seus debuxos, ao pouco tempo, unha corrección e delicadeza que participaba da dozura e suavidade do seu carácter.

Foi nomeado académico de mérito (1780) e Director Honorario (1783) da Academia de San Carlos de Valencia; académico de mérito da Academia de San Fernando (1783) e da de San Carlos de México (1796). No 1799 obtén o cargo de gravador de cámara de Carlos IV polos méritos adquiridos nos traballos realizados para a Secretaría de Estado e de Despacho, así como polas cartas mariñas e planos de costas, actividade á que se dedicou exclusivamente ata a súa morte. Despois de morrer en Madrid no 1810, moitas das súas obras foron vendidas pola súa viúva á Real Calcografía Nacional, entre as que se atopaba o orixinal da “Virxe do Peixe”, do que a Fundación Fernando Blanco ten unha reprodución.

Once son os gravados que se conservan na Fundación Fernando Blanco, dun total de trinta e seis que, procedentes da Real Calcografía Nacional, o Ministerio de Instrución Pública doou á entidade ceense no curso 1915-1916, conformando no seu momento unha recompilación dos máis afamados gravadores, tales como Bartolomé Maura, Fernando Selma, Joaquín Ballester ou Eugenio Lemus, o que non fai senón confirmarnos a gran calidade desta colección en boa parte desaparecida.

OUTROS TESOUROS DA FUNDACIóN

comentarios