Xoves. 18.04.2024
El tiempo

Tesouros da Fundación: Monumento dedicado a Fernando Blanco de Lema

  • Autor: ANDRÉS BARBAZÁN FERREIRO.
  • Cronoloxía: 1973.
DETALLE MONUMENTO copia
Detalle do monumento de Fernando Blanco
Tesouros da Fundación: Monumento dedicado a Fernando Blanco de Lema

O 13 de outubro de 1973 inaugurouse, na entrada principal do IES Fernando Blanco, o monumento dedicado a lembrar a figura do filántropo ceense.

INAUGURACIÓN MONUMENTO (13-10-1973) copia
Día da inauguración

A iniciativa correu a cargo da Comisión Xestora Pro- Monumento a D. Fernando Blanco de Lema, presidida por D. Juan Sánchez García, e na cal participaron persoas dos distintos estamentos sociais e culturais de Cee e comarca.

Esta Comisión Xestora fixo chegar ao Padroado da Fundación, nese momento formado por D. José Sánchez García (Alcalde de Cee), D. Antonino Castro García (Párroco de Cee) e D. José Luís Fernández Mosquera (Xuíz de Paz de Cee), a súa idea, a cal recibiu o visto bo por parte do citado Padroado.

Citando textualmente as palabras de D. Juan Sánchez García, o motivo que os impulsou a levar adiante esta proposta foi “erixir a D. Fernando Blanco de Lema un monumento que, como mostra da súa obra transcendente, sexa o expoñente visible do agradecemento, cariño e respecto por un home que, elevándose da nada con tesón, soubo, no seu momento álxido, ofrecer xenerosamente ao seu pobo o cuantioso froito do seu traballo, facendo a esta vila depositaria e dona dun legado material e cultural que a honra e valora, non só a nivel comarcal, senón en todo o ámbito rexional”.

Despois dunha ardua selección de proxectos, con unánime coincidencia de criterios, resultou elixida a proposta do escultor de Negreira Andrés Barbazán Ferreiro, nado no 1926 e falecido en 2017, o cal tamén é autor do busto do poeta Francisco Añón no Concello de Outes, do monolito dedicado a Gonzalo López Abente na entrada de Muxía e do monumento a Domingo Antonio de Andrade no propio Concello de Cee.

O conxunto monumental está constituído por un esvelto pedestal en forma de prisma cuadrangular engarzado a un tronco de cono invertido, con ampla base, sobre o que van colocadas dúas parellas de figuras alegóricas, esculpidas en granito gris. Sobre o pedestal, de corpo enteiro, a prócer figura de Fernando Blanco, en fundición de bronce, reprodución fiel do famoso cadro de Federico de Madrazo que colga das paredes do museo. Na parte inferior do monumento pode lerse unha placa coa inscrición: “A Don Fernando. Promotor do ensino. Eterna gratitude. Outubro 1973”. Para levar adiante esta iniciativa e as obras de acondicionamento e reordenación da antiga entrada do Instituto, contouse con fondos logrados por pública subscrición e coa axuda incondicional dos organismos afectos: Concello de Cee, Obras Públicas e Ministerio de Educación e Ciencia.

MONUMENTO copia

OUTROS TESOUROS DA FUNDACIóN

Comentarios