Traballadores/as de XEAL concéntranse nos xulgados para esixir a readmisión dun compañeiro despedido
Ata os Xulgados da Coruña desprazáronse os traballadores e traballadoras de XEAL para realizar unha concentración en solidariedade co compañeiro despedido de maneira “totalmente inxusta e inxustificada”. A protesta convocouse coincidindo coa celebración do xuízo polo despedimento e durante a mesma reclamouse a readmisión do traballador, o cese da política de represión laboral e un plan de recuperación das capacidades produtivas das fábricas de Cee e Dumbría.
O presidente do comité, Alfonso Mouzo, subliñou a falta de motivación deste despedimento, que enmarca “na persecución e a política de medo que a dirección ten iniciado contra o seu persoal”. Neste senso, explicou que na propia carta de despedimento, XEAL recoñece que o afectado é o mellor traballador do seu departamento “e aínda así bótano, que sentido ten isto?”, inquiriu.
Durante a concentración tamén advertiu “a perda continuada de emprego no complexo industrial e enerxético da Costa da Morte dende a chegada da nova propiedade, con máis de 30 empregos fixos destruídos, outros tantos postos eventuais e moitos máis na industria auxiliar”. A isto engádense agora “os intentos da dirección de recortar as condicións laborais e salariais do persoal pola vía de dilatar indefinidamente a negociación ate provocar a caída do convenio propio para así pasar a aplicar o convenio do sector, de condicións inferiores”.
Todo no marco da parálise produtiva das fábricas costeiras a pesar do aumento da demanda de ferroaliaxes en todo o mundo, mentres a a Xunta segue sen tomar medidas para obrigar a empresa a cumprir coas cláusulas esenciais das condicións, pois “manter a vinculación das actividades enerxéticas e de ferroaliaxes é a mellor garantía de continuidade dos empregos e da produción nos fornos”, aseguran.
Hoxe acompañamos xs traballadorxs de #Xeal #Cee na súa loita pola reincorporación do compañeiro despedido. #DespedidoReadmisión.#LoitaObreira #xuntxsmáisfortes @CigSabon @CorrienteRoja @CGTEXTEL @galizaCIG @obloque @BNGACorunha @Xunta @quepasanacosta pic.twitter.com/DRImBv1oPS
— Rebelión Aluminio 🔻 (@RebelinAluminio) October 20, 2021
Novas relacionadas
- Outubro 21: O Comité de XEAL volve pedir a intervención inmediata da Xunta.
- Xuño 21: Un novo despedimento axita aínda máis a loita dos traballadores de XEAL .
- Xaneiro 2020: 17 novos despedimentos caldean o amibiente para a nova concentración dos traballadores de Ferroatlántica.
- Xuño 2019: Ferroatlántica terá que readmitir a Ramos, despedido por un comentario nas redes sociais.