Xoves. 25.04.2024
El tiempo

Un repaso, de primeira man, aos 18 anos de historia e 3 millóns de € da CCC

Un repaso, de primeira man, aos 18 anos de historia e 3 millóns de € da CCC
Casa da Cultura de Cee - CCC-1997-2015

Xa temos a Biblioteca a pleno rendemento, e mesmo temos un programa cultural para os vindeiros meses, unha vez que a inauguración oficial da Casa da Cultura de Cee será este venres 13 de marzo, cun acto institucional.

Pero detrás, 3 millóns de euros e 18 anos de historia, 4 alcaldes, ducias de promesas, mesmo de inaguracións pantasmas electorais, de retrasos, de tramas de corrupción, de eternas subvencións

Hoxe, temos a sorte de recibir, de primeira man, un bo repaso á historia da CCC. Nada menos que o arquitecto José Carlos Leis Caruncho recolle todos os datos dende o seu comezo, aló polo 1997.

A historia da CCC

Foron 4 Alcaldes ceenses os que tiveron o bastón de mando durante o proceso construtivo dos 3.360 m2 de superficie total construída:

  • Manuel Lamela Lestón (1997-2001).
  • José Antonio Dominguez García (2001-2007).
  • Ramón Vigo Sambade (2007-2012).
  • Zaira Rodriguez Pérez (2012-2015).

Interesantes son tamén os datos da dirección facultativa e dos contratistas adxudicatarios, algún como Ogando, involucrado na Operación Orquestra tamén a raíz desta obra:

Dirección Facultativa:

  • Director de Obra: José Carlos Leis Caruncho / Arquitecto (1998-2015).
  • Director de Execución: Juan Manuel Leis Mayán / Arquitecto Técnico (1998-2015).
  • Interiorismo: Begoña Fernández Paz / Arquitecta de Interior (2008-2015).
  • Estudo Acústico: Fernando Calderón (1998-2001).
  • Instalacións: Gaelsa Ingeniería y Urbanismo (2004-2009) (2014-2015).
  • Ingeniería Jorpa (2010-2012).

Contratistas adxudicatarios:

  • Manuel Rodriguez Lema SL (1998-2001).
  • José Ramón Paz Lema (2002-2004).
  • AIN Empresa Servicios para la Construcción SA (2004-2009).
  • Construcciones Paz Lema SL (2009).
  • Construcciones D Ogando SL (2010-2015).
  • Ascender SL (2015).

21 pasos para a CCC

Casa da Cultura de Cee

Repasamos, da man de Leis Caruncho os 21 proxectos que houbo que facer para sacala adiante:

1. CONCURSO PARA O PROXECTO TÉCNICO (1997)

O Concello de Cee en setembro de 1997 realiza unha convocatoria de concurso para a contratación da asistencia técnica, consistente na redacción dun proxecto básico e de execución denominado “Casa da Cultura” en Cee, achegando un plano da parcela, co seguinte programa mínimo: Edificio de tres plantas con 1000 m2 por planta para os seguintes usos: - 1.ª planta: auditorio para 500 persoas cun escenario mínimo de 16 ml x 12 ml con 7 ml de alto mínimo, camerinos e servizos para o público e 2 salas de exposicións. - 2.ª planta: biblioteca con sala de estudo, biblioteca infantil, hemeroteca, sala de audiovisuais, depósito de libros e área administrativa. - 3.ª planta: aulas culturais con 7 módulos de 20 m2 e 4 obradoiros de manualidades e artes plásticas de 40 m2, cunha sala de conferencias para 100 persoas. A Comisión de Goberno o 13 de outubro de 1997 adxudica a asistencia técnica ao arquitecto gañador do concurso, José Carlos Leis Caruncho, e encarga urxentemente a redacción do correspondente proxecto técnico da “Casa da Cultura de Cee” porque deberá presentarse o proxecto básico do edificio e unha 1.ª fase por valor de 58 millóns de pesetas nun prazo de mes e medio para que a Deputación Provincial poda financiar esa 1.ª fase do proxecto.

2. PROXECTOS ENTREGADOS (1997-2001)

A finais de novembro de 1997 entrégase o “Proxecto Básico de edificio destinado a Casa da Cultura en Cee”, cun orzamento total de contrata de 303.686.785 Pts. e un proxecto de execución da primeira fase de 58.638.183 Pts., que consiste nas obras da totalidade da estrutura mixta, metálica e de formigón do edificio. O programa do proxecto cumpre basicamente co mínimo indicado polo Concello. O mesmo día de novembro de 1997 no que se entrega o proxecto básico, entrégase tamén o proxecto de execución da 1.ª fase da Casa da Cultura, cun orzamento de contrata de 58.638.183 Pts., que consiste nas obras da totalidade da estrutura edificio, lousa de formigón armado na cimentación e estrutura mixta, metálica no auditorio e de formigón no resto do edificio. Máis adiante, en xuño de 1998, entrégase o proxecto de execución dunha 2.ª fase, que consiste na obra civil do interior e fachadas do edificio excepto o interior do auditorio, cun orzamento total de 209.532.191 Pts., e en marzo de 2001 entrégase o proxecto de execución da 3.ª fase, que consiste na adecuación interior do auditorio por un valor de 35.516.411 Pts. segundo o estudo acústico do profesor Fernando Calderón, que faleceu pouco tempo despois da entrega do traballo.

3. OBRAS DE 1.ª FASE: ESTRUTURA (1998-2001)

A Deputación Provincial da Coruña adxudica as obras de 1.ª fase da Casa da Cultura de Cee á empresa Manuel Rodríguez Lema S.L. o 1 de xuño de 1998 e a dirección de obra mediante concurso a José Carlos Leis Caruncho (en cuxo equipo figura tamén o arquitecto técnico Juan Manuel Leis Mayán) o 9 de xuño de 1998 . A Acta de Reformulación da obra asínase o 7 de xullo de 1998 e o proxecto vaise executando a ritmo normal ata xullo de 1999 e, cando só faltan por construír parte dos forxados da cuberta da edificación (325.794 Pts), a empresa adxudicataria ralentiza as obras porque está tramitando coa Deputación un proceso de liquidación de obras por pequenas diferenzas de medición na cimentación e na caixa de ascensores. Dous anos despois, unha vez resoltos os problemas administrativos, a última certificación asínase o 9 de maio de 2001 e a Acta de de Recepción coa Deputación asínase o 20 de xuño de 2001.

4. CONSERVATORIO DE MÚSICA (2000)

En agosto de 2000 o Goberno Municipal de Cee informa de que as aulas culturais previstas na Casa da Cultura se situarán noutro sitio, no antigo Instituto de Raíces, e solicita un anteproxecto cos cambios necesarios para incluír dentro da Casa da Cultura un Conservatorio de Música.

5. OBRAS REALIZADAS POR ADMINISTRACIÓN (2001)

A mediados de setembro do ano 2000, o Concello solicita que se retire do proxecto técnico unha 2.ª fase do proxecto que ronde os 40 millóns de pesetas, para executar na medida do posible por administración. Redáctase esa 2.ª fase intentando incluír (adaptando aos novos usos do Conservatorio e cos mesmos prezos do proxecto orixinal) partidas que protexan o máximo posible a estrutura da Casa da Cultura da intemperie á que está sometida. Desde comezos de maio de 2001 ata o 10 de setembro de 2001 traballan intermitentemente na construción da Casa da Cultura varios operarios contratados por administración polo Concello, que colocan case totalmente a folla exterior do pechamento de ladrillo das fachadas das plantas altas do edificio, por un valor en prezos de proxecto de 7.712.543 Pts.

6. OBRAS DE CUBERTA E FACHADAS DO EDIFICIO (2002-2004)

O 28 de setembro de 2001, a Dirección Facultativa da obra presenta un informe no Concello onde indica a súa preocupación porque a estrutura metálica do auditorio leva anos exposta á intemperie nun ambiente marítimo moi desfavorable e porque só está construída a folla exterior de ladrillo da fachada, polo que cos efectos do vento non se pode garantir a súa estabilidade e por tanto resulta urxente pechar o edificio totalmente, o que custaría uns 103 millóns de pts. coas partidas que faltan recollidas dos prezos do proxecto orixinal. En setembro de 2002, o Concello encarga con urxencia unha separata do proxecto orixinal por un valor xusto de 600.000 euros para financiar con fondos municipais as obras que pechen o edificio, para que deixe de sufrir desgaste a estrutura metálica do auditorio do edificio. Preséntase a separata por ese valor que pecha a totalidade do edificio . As obras adxudícanse o 27 de novembro de 2002 á empresa José Ramón Paz Lema e vanse realizando e certificando as obras adaptadas á realidade do edificio, quedando este totalmente pechado da intemperie. A última certificación das obras reais executadas asínase o 15 de xuño de 2004.

7. PROXECTO DE URBANIZACIÓN DA ZONA (2004)

En febreiro de 2004 o Concello encarga un proxecto de “Recuperación e potenciación da zona comercial do recheo de Cee”, ao amparo da orde da Consellería de Industria para mercados retallistas, que recolle a urbanización da zona comercial do recheo, onde se atopa o edificio e, por tanto, entre outras obras, no proxecto recóllese a urbanización exterior do edificio. Estas obras execútaas o Concello por administración, asumindo a dirección facultativa o arquitecto do Concello naquel momento, Vicente Rivas Negreira.

8. PROXECTO DE EDIFICIO DE SERVIZOS MÚLTIPLES MUNICIPAIS (2004)

A finais do ano 2003, o Concello encarga un proxecto no que se debe plasmar o estado actual real da edificación despois de concluída a fase de peche da edificación e a definición e valoración actualizada de obras necesarias adaptadas á lexislación actual, para rematar o interior da construción existente para un edificio de servizos múltiples municipais, partindo do programa inicial da Casa da cultura, coa incorporación do conservatorio de música ordenada en 2001 e coa inclusión dunha área de xestión cultural e dos espazos para o arquivo da Fundación Fernando Blanco de Lema. O orzamento total de contrata do proxecto básico e de execución de adaptación para edificio de servizos múltiples municipais en Cee ascende a un millón trescentos corenta e dous mil, trescentos sesenta e un euros con setenta e seis céntimos (1.342.361,76 €). Este proxecto é aprobado polo Pleno Municipal de Cee no verán de 2004.

9. SEPARATA N.º 1 DO PROXECTO DE EDIFICIO DE SERVIZOS MÚLTIPLES MUNICIPAIS (2004-2008)

En setembro de 2004, o Concello encarga unha separata do proxecto orixinal aprobado polo pleno municipal en 2004, por un valor xusto de 540.910,90 euros. O programa solicitado polo Concello para esta separata céntrase en realizar obras que permitan ir rematando o edificio con partidas viables na súa execución que non entorpezan posteriormente a seguinte fase para concluír o Edificio de Usos Múltiples Municipais previsto. Esta obra foi adxudicada polo Pleno Municipal do 22 de novembro de 2004 á empresa AIN, Empresa de Servicios para la Construcción S.A., e é financiada por varias Consellerías da Xunta de Galicia en 5 anualidades (Ano 2004: 78.500,00€ / Ano 2005: 132.500,00€ / Ano 2006:163.003,03€ /Ano 2007: 87.500,00€ / Ano 2008: 79.407,87€). A Dirección Facultativa das obras fórmana, ademais do autor do proxecto, o arquitecto técnico Juan Manuel Leis Mayán como director de execución, e o Enxeñeiro Técnico Industrial Manuel Cruz Pardo da empresa Gaelsa Ingenieria y Urbanismo, para dirixir as instalacións.

10. SEPARATA N.º 2 DO PROXECTO DE EDIFICIO DE SERVIZOS MÚLTIPLES MUNICIPAIS (2006-2010)

En agosto de 2006, o Concello encarga a separata n.º 2 do proxecto orixinal. O programa solicitado polo Concello para esta separata céntrase en realizar obras por un valor de 187.500,00 € que permitan ir rematando o edificio deseñado no proxecto aprobado polo pleno municipal en 2004, centrándose as obras no auditorio como uso principal. Esta obra foi adxudicada polo Concello de Cee o 11 de setembro de 2006 á empresa AIN, Empresa de Servicios para la Construcción S.A., e é financiada pola Consellería de Presidencia da Xunta de Galicia en 5 anualidades (Ano 2006: 6.250 € / Ano 2007: 12.500€ / Ano 2008: 12.500€ /Ano 2009: 6.250€ / Ano 2010: 150.000€). Quedan por tanto pendentes no ano 2010 a maioría das obras deste proxecto porque, debido ás contías achegadas pola Administración, a maioría das anualidades foron certificadas por abastecemento de materiais.

11. ACONDICIONAMENTO DAS PLANTAS ALTAS DA “CASA DA CULTURA” DE CEE PARA CONSERVATORIO DE MÚSICA E BIBLIOTECA MUNICIPAL (2009)

A finais do ano 2008, o Concello encarga este proxecto para definir as obras necesarias para adecuar as plantas altas do edificio. As obras consisten na adecuación interior das dúas plantas altas do edificio para destinalas a ser as sedes respectivas do Conservatorio de Música e a Biblioteca Municipal. Ascende o orzamento total de contrata do presente proxecto a: catrocentos seis mil euros (406.000,00 €). Esta obra foi adxudicada polo Concello de Cee o 12 de maio de 2009 á empresa Construcciones Paz Lema S.L., obra que está incluída no Fondo Estatal de Investimento Local (1.º Plan E) financiado polo Goberno de España, e a obra foi certificada en decembro de 2009. Co inicio desta fase empézase a adecuación interior da edificación, polo que entra a formar parte da dirección facultativa a arquitecta de interior Begoña Fernández Paz, que será a responsable do interiorismo ata a fin da obra.

12. ACONDICIONAMENTO DA PLANTA BAIXA E DAS ENTREPLANTAS 1.ª E 2.ª DA CASA DA CULTURA DE CEE PARA SALAS DE EXPOSICIÓNS E DE XESTIÓN CULTURAL (2010)

Este proxecto foi adxudicado polo Concello de Cee o 15 de xuño de 2010 á empresa Construcciones D Ogando SL. A obra pasa por distintas incidencias e precisou un reformado de proxecto que tivo un orzamento total de contrata de trescentos vintecatro mil oitocentos oito euros (324.808,00 €). A última certificación asínase o 23/02/2011, pero non se realizou a acta de recepción por parte do Concello ata o 30/01/2012. O financiamento correu a cargo do Fondo Estatal para o Emprego e a Sostenibilidade Local (2.º Plan E) do Goberno de España. As obras finais desta adxudicación consistiron en: execución dalgúns dos acabados e iluminación das distintas plantas, colocación do ascensor panorámico do edificio, tabiquería de biombos na biblioteca, acabados das escaleiras, zonas comúns e frente do oco de ascensor en todas as plantas e obras de instalación eléctrica e contraincendios. As instalacións desta fase foron dirixidas por José Manuel Dios Tomé, Enxeñeiro Técnico Industrial da empresa Ingeniería Jorpa.

13. REFORMADO 2.º DA ANUALIDADE 2010 DA SEPARATA N.º 2 DO PROXECTO BÁSICO E DE EXECUCIÓN DE ADAPTACIÓN PARA EDIFICIO DE USOS MÚLTIPLES EN CEE (2010)

Este reformado de proxecto corresponde á última anualidade da obra que fora adxudicada á empresa Ain, Empresa de servicios para la construcción S.L., que renunciou ao contrato da última anualidade de 2010. Esta actuación de cento cincuenta mil euros (150.000,00 €) foi financiada pola Consellería de Presidencia da Xunta de Galicia e adxudicada á empresa Construcciones D Ogando SL o 12/07/2010. A última certificación asínase o 27/09/2010 e a acta de recepción, o 13/10/2010. As obras consistiron na execución de acabados das distintas plantas do edificio, así como a impermeabilización de parte da soleira que produce humidades

14. ADAPTACIÓN DO ESCENARIO DA CASA DA CULTURA DE CEE PARA ACTUACIÓNS TEATRAIS (2010)

Esta obra foi adxudicada polo Concello de Cee o 12 de xullo de 2010 á empresa Construcciones D Ogando SL. O orzamento total de contrata foi de setenta mil euros (70.000,00 €). A última certificación firmouse o 30/11/2010 e a acta de recepción, o 20/12/2010. O financiamento correu a cargo do Ministerio de Cultura do Goberno de España. As obras consistiron en acabados e preinstalacións do escenario do auditorio, seguindo os criterios do informe elaborado polo IGAEM, Instituto Galego das Artes Escénicas, respecto ás condicións escenotécnicas do Auditorio da Casa da Cultura de Cee para que este poda ser incluído na “Rede Galega de Teatros e Auditorios”.

15. CONSTRUCIÓN DUN CENTRO CULTURAL PARA O DESENVOLVEMENTO DE INICIATIVAS E IMPULSO DA CREATIVIDADE (2010)

Esta obra foi adxudicada polo Concello de Cee o 6 de setembro de 2010 á empresa Construcciones D Ogando SL. O orzamento total de contrata é de cento cincuenta mil euros (150.000,00 €). A última certificación firmouse o 23/02/2011 e a acta de recepción non se realizou ata o 07/05/2012. O financiamento correu a cargo da Subdirección Xeral de Patrimonio Cultural do Goberno de España. As obras consistiron en todos os acabados de chan de linóleo e revestimentos de madeira e paneis acústicos en paramentos verticais e falsos teitos do Auditorio, segundo o estudo acústico que redactara anos atrás o profesor Calderón.

16. OBRAS DE POSTA EN FUNCIONAMENTO DA CASA DA CULTURA DE CEE – 1.ª FASE (2013-2015)

Esta obra foi adxudicada polo Concello de Cee o 30/09/2013 á empresa Construcciones D Ogando SL. O orzamento total de contrata inicial era de 165.000,00 €. e consistía na posta en marcha e legalización de todas as instalacións do edificio para que ao final desta fase se puidesen pór en funcionamento as plantas altas do edificio. Durante a execución formuláronse novas necesidades como a variación do punto de abastecemento de auga da rede contraincendios, a necesidade de adaptarse á nova normativa de incendios do CTE segundo o estudo realizado pola Ingeniería Gaelsa e a necesidade de aumento da potencia lumínica do escenario do Auditorio. Todas estas circunstancias obligaron á redacción dun proxecto reformado que aumentou o orzamento total ata 181.438,36 €. A última certificación desta obra asinouse o 02/12/2014. A acta de recepción realizouse o 08/01/2015 e con isto quedou xa operativa unha parte importante do edificio: a Biblioteca (nivel 3) e a Escola de Música (nivel 4). O financiamento correu a cargo da Deputación Provincial da Coruña.

17. OBRAS DE POSTA EN FUNCIONAMENTO DA CASA DA CULTURA DE CEE- 2.ª FASE (2015)

Esta obra foi adxudicada polo Concello de Cee o 21/01/2015 á empresa Construcciones D Ogando SL. O orzamento total foi de 73.901,51 € e consistía fundamentalmente na posta en funcionamento do Auditorio da Casa da Cultura, con instalación de equipamento escénico, iluminación, son, as obras necesarias para cumprir coa normativa de incendios e a posta en marcha da climatización da sala. Tamén se remata unha das salas de exposicións da entreplanta 1.ª (nivel1). A última certificación desta obra asinouse a principios de marzo de 2015. O financiamento correu a cargo da Deputación Provincial da Coruña.

18. SUBMINISTRACIÓN E INSTALACIÓN DO EQUIPAMENTO PARA A POSTA EN FUNCIONAMENTO DA “CASA DA CULTURA DE CEE” (2015)

Esta subministración foi adxudicada polo Concello de Cee o 20/01/2015 á empresa Ascender SL . O orzamento total era de 84.579,00 € e consistíu na subministración de 348 butacas especialmente deseñadas para o Auditorio da Casa da Cultura de Cee, inspiradas na butaca “eidos” e cumprindo estritamente a seguridade contraincendios que marca o código técnico da edificación para butacas en edificios de pública concorrencia. A butacas foron subministradas en xaneiro de 2015 e o financiamento correu a cargo da Deputación Provincial da Coruña.

19. ADECUACIÓN DE OFICINAS NA ENTREPLANTA 2. ª DA CASA DA CULTURA DE CEE

Esta obra está a día de hoxe en fase de licitación. Será financiada pola Deputación Provincial da Coruña. O orzamento total é de 27.284,25 € e consiste nas obras de acabado con pavimento, pintura, iluminación e carpintería dos despachos e sala de reunións para xestión cultural situados na entreplanta 2.ª (nivel 2) da edificación. Con estas obras quedarán operativos todos os usos e servizos previstos para a Casa da Cultura.

20. ACTUACIÓNS PENDENTES

Para completar todos os servizos e dependencias previstos na Casa da Cultura quedan pendentes de financiamento as seguintes actuacións: 1.- Remate das 5 cabinas de prensa e servizos audiovisuais, situadas na entreplanta 1.ª do edificio (nivel 1), valoradas en 13.000 €. 2.- Subministración das 120 butacas do auditorio para situar na entreplanta 1.ª (nivel 1), valoradas en 29.000 €. 3.- Subministración das 64 butacas da sala de conferencias situadas na planta da biblioteca, planta 1.ª do edificio (nivel 3), valoradas en 7.750 €. 4.- O sistema de calefacción nas plantas altas do edificio. O proxecto refundido do ano 2004 prevía un sistema mixto de calefacción: climatización frío-calor en todo o volume do auditorio, que xa está operativo na actualidade, e calefacción eléctrica no resto da edificación, cuxa instalación está rematada, e para a súa posta en funcionamento é necesaria a subministración dos 101 radiadores de baixo consumo proxectados, valorados en 42.500 €, xunto coa solicitude á empresa subministradora de electricidade dun aumento de potencia eléctrica de 100 KW máis para o edificio. A día de hoxe discorre unha canalización de Gas Natural por unha das fachadas da edificación, polo que o Concello de Cee está valorando a posibilidade de substituír o sistema eléctrico de calefacción por Gas Natural, cuxo custo de instalación ascende a 70.000 €.

21. ORZAMENTO TOTAL

O orzamento total da obra e posta en funcionamento da Casa da Cultura de Cee ascende a tres millóns de euros (3.000.000 €). Este orzamento é a suma das actuacións executadas indicadas neste documento, engadindo a valoración das actuacións pendentes de financiamento e restando o valor das baixas ofertadas polos adxudicatarios, que oscilaron entre o prezo tipo de proxecto e o 27,43%, que foi a máxima baixa acadada na licitación dunha fase. O edificio ten unha superficie total de 3.360 m2 construídos, polo que o prezo unitario total (impostos incluídos) é de 893 €/m2, o que equivale a un orzamento de execución material final de 620 €/m2.



A historia da CCC, nova a nova

Fonte

Comentarios