Venres. 11.10.2024
El tiempo

A veciñanza de Lires mobilízase polo saneamento da súa praia

Ria de Lires -Foto Camino dos Faros
A ría de Lires dende a praia de Lires, coa praia de Nemiña en fronte. Foto: Camiño dos Faros
A veciñanza de Lires mobilízase polo saneamento da súa praia

A praia de Lires, a pesar de ser unha das máis fermosas da Costa da Morte, nunha contorna incrible na desembocadura do río Castro que a separa da praia de Nemiña, fetiche de surfistas de todo o planeta, é, en teoría, unha das 5 praias da comarca que sofren a catalogación de “prohibición permanente do baño”, segundo o mapa o Sergas da temporada 2020.

Esta prohibición dase cando un areal suspende durante 5 anos as análises da calidade da auga. Ten que ser o Concello de turno o que realice algunha actuación de saneamento para solventar o problema, e solicitar a súa inclusión de novo no rexistro.

Por Camariñas, tras varias actuacións, e peticións formais por parte do Concello, a Xunta volvía incluír nos controis a praia de Camelle. Un feito que fai incidir en que #Sisepode recuperar un espazo natural como o de Lires.

Nas últimas semanas a Xunta anunciaba que ía retomar as analíticas para que, no caso de saíren positivas, incluíla de novo no censo. Un feito importante, sen dúbida, pero que para a veciñanza trátase dunha medida de “pura propaganda” porque as “actuacións realizadas polo Concello na EDAR resumíronse na renovación dunha reixa e as tapas de fóra, moi lonxe de darlle solución ao seu correcto funcionamento”, sinalan.

E a vía está clara: “Á Ría chegan as augas residuais das EDAR (estaría ben que a revisen, e se non serve que a cambien), pero tamén as do Río Lires, as do Río Castro e as da Piscifactoría. Que analicen, que fagans os controis que lle corresponden e que actúen en consecuencia”, piden dende o lugar, lembrando que durante a temporada de verán a poboación local triplícase, e que a problemática vai volver aparecer.

Mobilización social

Por todo isto, a veciñanza de Lires estase a mobilizar para conseguir solucionar o problema da contaminación no areal, pois se trata dun verdadeiro pau para o sector turístico, o máis importante dun lugar centrado no Camiño de Santiago e no Camiño dos Faros, para os que o turismo de natureza é fundamental.

Unha veciñanza que xa en 2018 propuxera a recuperación da ría e da contorna. Pero a dispersión destes complicados tempos, e a falta de apoio municipal fai que este proxecto siga nun caixón.

Sen esquecer esa iniciativa tan ambiciosa, a veciñanza xa presentou no rexistro máis de 400 sinaturas para que dende o Concello e as administracións realicen algunha acción para recuperar a súa praia, e piden que a xente apoie este escrito:

“As persoas que figuran neste documento dan o seu apoio á iniciativa dos veciños e veciñas da parroquia de Lires para solicitar ás autoridades competentes que resolvan de forma urxente o problema de salubridade que presenta a praia de Lires.
Consideramos que a situación actual desta praia (con varios anos dando valores de calidade de auga insuficientes para o baño) conleva un risco sanitario, ademais de ter un impacto negativo no medioambiente, na economía, e na imaxe de Lires, Cee e A Costa da Morte.
Solicitamos que as autoridades que teñan competencia neste asunto solucionen de forma efectiva este problema, para deste xeito, recuperar a nosa praia e ofrecer unha zona de baño segura para nós e o que nos visitan.

Por que a auga da ría de Lires ten calidade insuficiente?

Ollando á estrutura da chamada “Ría máis pequena de Europa”, tan batida, con tantos cambios en función da marea, é complicado entender que a calidade da auga poida ser insuficiente. Pero hai numerosos efectos que poden afectar á contaminación da ría, como nos explica o veciño do lugar, Serxio Domínguez, que traballa nun informe para analizar o “maltrato ao río” que incide directamente na calidade da ría.

”Tanto no río Castro como o Lires, reciben vertidos de augas fecais dende os seus inicios. O río Lires é máis curto, e temos comprobado que e lugares como Ruibo ou Tedín teñen saídas directas. Máis difícil é analizar o río Castro, que é máis grande, pero temos cerciorado puntos de vertido dende varios afluentes”, explica.

O tamén voceiro do BNG leva tempo pedindo que os orzamentos municipais leven unha partida de mantemento para as depuradoras parroquais, e considera, aínda sen analizar en profundidade que “en concreto, a Depuradora de Lires non funciona ben, entre outras cousas, porque non hai separación de augas fecais e pluviais”, superando así a súa capacidade e innumerables ocasións.

Novas relacionadas

Comentarios