As Xornadas Micolóxicas de pan de Raposo, un espectáculo para os sentidos
Volveron os cogumelos tomar a Casa da Cultura de Cee, un novo símbolo de normalidade. A Asociación Micolóxica Naturista Pan de Raposo organizaba as XX Xornadas Micolóxicas da Costa da Morte, e para celebrar eses 20 anos de actividade, acollían tamén a XXXIX Semana Galega de Micoloxía. Foi así a vila ceense a capital dos cogumelos en toda Galicia.
Como sempre, a exposición e as súas visitas guiadas foron o reclamo máis potente. Este ano os especialistas da asociación organizadora, en 3 saídas ao monte conseguiron traer nada menos que 235 especies. Un espectáculo para os sentidos pois se trata dunha exposición “interactiva”, xa que se permite, tocar, ulir e mesmo probar. Ata o microscopio estivo aberto para que as familias puidesen ver as minúsculas partículas que forman o reino funghi.
As visitas guiadas pola exposición sempre están moi demandadas, porque a xente se decata que aprende máis nunha destas visitas que en moitas saídas ao monte”, explican dende Pan de Raposo.
Paralelamente as conferencias volvían empezar con nivel iniciación, “porque hai moita xente á que ir enganchando”, recoñecen a entidade. José María Costa Lago deu a clásica “Cogomelos comestibles” na tarde do sábado; e José Manuel Castro Marcote completou cunha charla sobre intoxicacións o domingo.
Aínda había tempo ao remate das charlas de pasar polos bares a tomar uns pinchiños cos cogumelos como protagonistas, Ao habitual Hotel Larry, este ano uníronse o Mar de Crebas, A Mariña e as Viñasm ofrecendo unha variedade de pinchos moi digna e sabrosa.
Fotos de Rafa Quintáns
Xornada na Laracha
Tamén na Laracha tivo lugar a xornada micolóxica "As setas da Laracha" na mañá dominical. Participaron 50 persoas que, guiadas por Pablo Cuadrado e Raquel Poncini, primeiro realizaron unha saída ao monte para a recollida de cogomelos e, a continuación, celebraron unha charla micolóxica e un obradoiro sobre clasificación e identificación das setas na área recreativa de Gabenlle.
NOVAS micolóxicas
- A Peña Barcelonista Irmandiña e o Concello de Vimianzo preparan unha xornada micolóxica.
- Micoloxía e humor, a receita do Concello de Fisterra para este novembro.
Xornadas de Pan de Raposo
- Xornadas 2019: A Casa da Cultura de Cee volveu convertirse nun bosque galego polas Xornadas Micolóxicas.
- Xornadas 2018: “Pois si que tiñan gañas de saír, tanto a xente como os cogumelos”.
- Xornadas 2017: Marcote: “As chuvias chegaron tarde para nós, pero aínda así salvamos os mobles con 130 especies”.
- Xornadas 2016: Cee, Coristanco, Santa Comba e Zas fixeron dos cogumelos os reis do outono.
- Xornadas 2015: Lira, Santa Comba e Ponteceso converten a Costa da Morte na capital da micoloxía.
- 2012: Marcote: “A cultura micolóxica da zona experimentou un gran cambio nos últimos anos”.