A Xunta segue sen mover un dedo polo emprego en XEAL

Elena Mancha Montero de Espinosa tomando posesión como directora xeral de Relacións Laborais

Non importan os máis de 110 empregos perdidos nos últimos 3 anos; a eterna dependencia das fábricas do que diga Ferroglobe; os problemas co convenio colectivo; nin sequera a paralización do único forno que estaba activo, mentres a empresa factura e factura a través das centrais hidroeléctricas. A Xunta só ve que "a empresa segue a ter actividade", como argumentaba onte a directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha Montero de Espinosa, á pregunta do deputado do BNG, o carballés Daniel Pérez na Comisión do Parlamento Galego “que máis ten que facer Xeal para que vostedes actúen para que a empresa cumpra as súas obrigas?”.

A Xunta non vai a interceder porque a cláusula que vincula as dúas actividades está totalmente "en vigor”, deixando claro que non cre nas teses dos traballadores de que haia unha segregación da produción de ferroaliaxes e a da explotación hidroeléctrica das centrais do Xallas como obriga a concesión e a sentenza do TSXG.

Pérez lembrou que o “único obxectivo da dirección de Xeal é “egregar as actividades, algo que non puido facer no seu día pola vía xudicial e que agora faino adelgazando a empresa, adelgazando o emprego”. “Estase a dar un incumprimento palmario das cláusulas que permitirían a reversión das concesións”, asegurou con rotundidade.

NOVAS RELACIONADAS