![Acto da Asemlea da Muller de Galiza Nova en Corcubión]()
As mocidades nacionalistas da Costa da Morte transmitiron o pasado domingo o seu particular e enérxico xesto de condena á violencia de xénero e a calquera forma de discriminación contra as mulleres.
Foi nun acto público presentado polo responsábel comarcal
Mario Maceiras, desenvolto no Cárcere Vello de Corcubión, e á que asistiron persoas de toda a comarca. Como colofón á campaña
"Que non nos paren; REVÍRATE contra a violencia de xénero" quixeron unir a faceta lúdica e a reivindicativa, mediante a
proxección do filme "As mulleres de verdade teñen curvas", de Patricia Cardoso, un crudo relato sobre a loita dunha moza entre o que ela desexa facer do seu futuro e o que obrigan os tabús sociais e familiares, tras do tal se animou aos asistentes a subir ao estrado para participar no recital de poemas de Rosalía de Castro, denominado "Rosalía, nai da Galiza".
Xa por último, rematou
Antía Insua, vicerresponsábel comarcal, lendo o
manifesto de Galiza Nova con motivo do Día Internacional Contra a Violencia de Xénero, e no cal ademais de condenar calquera forma de maltrato machista a organización xuvenil do nacionalismo lamenta "os severos golpes do executivo de Feijóo a todos os logros sociais do anterior goberno bipartito". Nesa liña GZ Nova denuncia 4 puntos concretos:
- Desmantelamento da rede de centros de Asesoramento Afectivo- Sexual, Quérote.
- Peche das oficinas I+B e desmantelamento do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar.
- Supresión do Servizo Galego de Igualdade (SGI).
- Paralización total do desenvolvemento das iniciativas aprobadas na lexislatura anterior recollidas na Lei para o tratamento integral da Violencia de xénero e diminución dos orzamentos de 2011 en igualdade nun momento no que se está a incrementar o número de denuncias por malos tratos, as ordes de afastamento e mesmo os asasinatos de mulleres.
Este é o
primeiro acto da Asemblea de Mulleres de Galiza Nova na Costa da Morte, pero sen dúbida non será o último porque mentras haxa unha soa muller agredida nesta comarca,
a loita feminista que tamén da forma ao ideario nacionalista seguirá sendo imprescindibel, segundo sinalan.
Novas relacionadas
Novas relacionadas
- Nota de prensa da man de Antía Insua Lema, Vicerresponsábel Comarcal de Galiza Nova Costa da Morte, e de Mario Maceiras, responsábel Comarcal de Galiza Nova Costa da Morte.