Arrinca unha nova temporada na radiONeria gracias á EMUGA

Con ilusión anunciamos o comezo dunha nova temporada da radiONeria. A radio municipal de Corcubión pode volver contar con Toño Casais como armandanzas, gracias a un convenio asinado coa Rede de Emisoras Municipais Galegas (EMUGA). A insistencia e a vontade do policafético actor de Talía Teatro, e o compromiso de Quique Sanfiz e o actual presidente da EMUGA, que non é outro que o alcalde de Corcubión, permiten comezar unha nova temporada.
Unha gran nova para a comarca fisterrá, que ve como sobrevive un privilexiado espazo, pois en poucos sitios do país se pode contar cunha emisora aberta a toda a cidadanía. En Corcubión, a pesar dos problemas económicos municipais, semella que se está intentando buscar fórmulas para manter viva esta xoia comunicativa.
A radio continuará abrindo as portas aos centros de ensino da comarca, unha oportunidade única para ver como é a radio por dentro.
Contidos de onte e de hoxe
Casais realizará unha serie de podcasts para a rede e aproveitará para recuperar boa parte dos contidos que puxo en marcha o curso pasado. O vindeiro luns 4 de novembro volverán os programas que xa estaban a semana pasada, facendo da radio un espazo común, un espazo da veciñanza.
Programas como "Chegar a bo porto", "O recuncho do estudante", "Que les Corcubión", "Realidade e Soños" de Manolín, "O Moucho e os mitos" de Miguel Vázquez Freire, "Boomers a conciencia", ou o "Disque" de Maruxiña dos Queixos volverán ás ondas a partir da primeira semana de novembro.
Pero ademais Casais invita a todo o mundo a achegarse á emisora, e participar. Só tes que escribir a radioneria@gmail.com para levar a cabo a túa idea e pasar a formar parte da nosa programación. A radio é túa tamén.
Máis novas