venres. 15.11.2024
El tiempo

Novos pasos para a construción do paseo entre Cee e Corcubión

Paseo Maritimo entre Cee e Corcubion
Imaxe da zona que une Cee e Corcubión
Novos pasos para a construción do paseo entre Cee e Corcubión

Esta pasada mañá de mércores 27 de setembro, unha comitiva do Concello de Corcubión, formada polo Alcalde Xabier Domínguez (Drok) e o Concelleiro Lois Lado, visitaron ao novo Xefe da Demarcación de Costas de Galicia, Carlos Gil, para tratar varios asuntos sobre Paseo Marítimo.

Os representantes municipais trasladaron á necesidade de renovar o Paseo Marítimo no treito corcubionés, verdadeiramente esfolado dende hai moitos anos e cunha carencia de medidas de seguridade na parte contra Quenxe. Fixéronlle a entrega dun informe, elaborado polo Técnico Municipal, detallando o precario estado no que se atopa e propoñendo solucións, tendo en conta que segundo o contrato asinado na construción, o mantemento debe correr cargo a conta do Concello. “Certo que hai un convenio, pero a realidade é que a día de hoxe é imposible quem co noso orzamento poidamos facernos cargo do mantemento do paseo”, explica Lado.

O Concello propón diferentes saídas como unha renovación integral sufragada por Costas, e o Xefe de Costas comprometeuse, cando menos a enviar uns técnicos para facer un estudio e ver as posibilidades.

A unión dos paseos

Ademais, a xuntanza serviu para ver como está o proxecto de unión dos paseos de Cee e Corcubión, separados por apenas unha finca que colle un anaco en Cee e outro, máis grande en Corcubión. Malia existir un proxecto dende 2012, e a pesar das promesas da alcaldesa de Cee ao comezo da pasada lexislatura, a realidade é que pouco se ten avanzado.

A situación é a mesma que hai 10 anos, hai contactos cos donos da finca afectada. “Creo que é un asunto que se foi deixando de lado”, valora Lois Lado. ”Nós queremos chegar a un acordo, a intención é facelo dentro deste ano”. “Cee e Corcubión temos que actuar conxuntamente, cada un na súa parte, escriturala aos concellos e poñela á disposición de Costas. Xa lle fixemos unha oferta á familia e esperamos que a valoren pronto”.

Costas comprométese a actualizar segundo as normativas o proxecto de 2012 e poñerse mans á obra.

NOVAS RELACIONADAS

ARTIGOS RELACIONADOS

Comentarios