Corcubión estrea polo 8M o gran canto colectivo, reivindicativo e interxeracional

Unha das máis fermosas actividades arredor do Día da Muller estase desenvolvendo, dende hai meses, en Corcubión. O pasado mes de novembro, no marco do 25N, as mulleres da vila de San Marcos entoaban, e gravaban, o comprometido tema "Grita Galega, Canta", un gran canto colectivo, reivindicativo e interxeracional. Un proxecto coordinado pola ex concelleira María Bella, liderado pola artista internacional Cecilia Barriga, e coordinado tamén por Gema Román (como directora musical do coro) e Lucía Aldao (a artista herculina que traduciu e adaptación da canción orixinal italiana).
O proxectro, esta "mani-festa-accion a través dun coro de voces interxeracional protagonizado por unha morea de mulleres" transfórmase en peza audiovisual, para converterse nunha ferramenta de acción compartida para reivindicar o noso lugar no mundo desde as nosas propias formas.
Esta peza proxectarase este sábado 8 de marzo como primicia é o resultado do proceso de traballo proposto desde a concellería no marco das accións do 25N. O acto comezará ás 17:30h nos Xardíns do Concello, se o tempo o permite, para despois proxectar o vídeo na Capela do Pilar a partir das 19:00h
Velada musiqueira
A continuación tocará e cantará a “poeta oral” Lucía Aldao, a que tamén foi colaboradora do proceso, tocará coa súa banda herculina PAVA.
De seguido a banda punk corubionesa Susto que Flipas formada por Andrea, Carmela, Angela e Raquel, que compartirán cantando o presente da súa xeración de mulleres cunha liberdade talentosa que cautiva ata ás xeracións máis vellas.
Máis 8M
O martes 11 continúa o programa adicado ao 8M neste caso salientando a defensa pola paz que sempre esta no reclamo dos movementos feministas e hoxe é tan urxente. Ás 12h representarase na Casa da Cultura “A Teteira de Kabul” unha obra de teatro de obxectos e monicreque de Xarope Tulú que fala xustamente do valor da paz. A súa protagonista é Mina, unha nena afgá que ten que abandonar o seu fogar como consecuencia da guerra. Baseada no conto homónimo de Carolina Pujadas é unha coproducion de Xarope Tulú coa ONGD Asemblea de Cooperación pola Paz. A personaxe de Mina está inspirada na vida da escritora afgá Nadia Ghulam. Á obra acudirá o alumnado do CEIP Praia de Quenxe e o pase estará aberto a todo o público.
O sábado 15 terá lugar a segunda andaina para “sementar a igualdade”, unha iniciativa que xurde desde o CIM (Centro de Información á Muller) ao que pertencen o concello de Fisterra, Cee e Corcubión. Trátase de unirse camiñando para visibilizar a necesidade de seguir a defender a igualdade real entre homes e mulleres. Para inscribirse ou recibir máis información, acudir ao Concello ou chamando ao teléfono 981745400.
Chegamos ao final do mes de marzo e pechan cunha presentación de libro dentro do programa mensual da biblioteca o venres 28 ás 19.00h. Da man da súa autora Pilar García Negro acompañada da Concelleira Pilar Tubío Lariño, presentarán o libro O Clamor da Rebeldía, Rosalía de Castro: Ensaio e Feminismo.