Corcubión e Carnota non calan por Palestina

Os últimos acontecementos vividos en Galicia no marco da Vuelta a España, e a continuidade da barbarie perpetrada poloexército sionista, provocou que a concentración deste luns en Corcubión fose algo máis do habitual nos últimos meses. A da vila de San Marcos foi unha das máis 20 mobilizacións convocadas pola Coordenadora Galega de Solidariedade con Palestina, en solidariedade co pobo palestino, que sigue a sufrir un xenocidio brutal por parte do Estado sionista de Israel. Co apoio do BNG Costa da Morte, levouse a cabo a concentración na Praza Castelao de Corcubión, á que acodiron máis de 70 persoas. Un xeito de intentar exixir a quen nos goberna que se implique de verdade en deter o sionismo e os seus crimes.
Douse lectura a un comunicado da Coordenadora no que se destacou que nestes case dous anos, Israel asasinou perto de 70.000 persoas, arrasando a Faixa de Gaza.
Denunciouse que "a Unión Europea non pode continuar a súa carreira entolecida contra un inimigo inexistente, que implica cantidades indecentes de diñeiro público para gasto militar e comercio de armas cos Estados Unidos e Israel, cando o principal inimigo da humanidade, que é precisamente Israel, actúa con total impunidade".
No manifesto denunciaron tamén a acción policial vivida este pasado domingo en Monforte de Lemos e no Corgo.
Nova acción en Carnota
En Carnota volven convocar unha cacerolada poética para este mércores 10 de setembro ás 20:00h na Praza da Pedra.