Xoves. 03.10.2024
El tiempo

Juan Sierra, do bar O Pazo: "Estamos sufrindo practicamente corte por día case"

Tomando Cafe no Pazo a luz das velas
Tomando Cafe no Bar Pazo de Corcubión á luz das velas-Foto: Fran Hermida
Juan Sierra, do bar O Pazo: "Estamos sufrindo practicamente corte por día case"

A pesar dos avances que fixo o Concello de Fisterra coa reclamación ao director do Instituto Enerxético de Galicia (INEGA), e coa súa consecuente e rápida resposta por parte de Fenosa, a realidade é que o problema cos cortes de luz é un tema que segue a causar problemas e non afecta só a esa zona. Xa falamos previamente con José Luis Louzán, quen nos contou como afectou isto ao seu negocio, ubicado no centro comercial de Cee. Desta vez, e cos últimos cortes de luz producidos hai menos dunha semana, puidemos comprobar como están a vivir esta situación varios negocios e servizos da vila de Corcubión.

Por un lado, o Xulgado é un dos servizos aos que estas vagas de cortes lles afecta directamente ao normal funcionamento da entidade, pois ao estar todo “informatizado”, a imposibilidade de utilizar internet e o ordenador paraliza o traballo. Nunha conversa que tivo QPC con fontes da institución, estas comentaron que o xoves pasado "tiñamos declaracións e como non tiñamos luz, os ordenadores non funcionan, entón tivemos que esperar un rato para poder empezar. De feito xa contábamos con que ao longo da mañá volvera a irse a luz, pero por sorte non foi así. Hai un mes ou así, noutro temporal, fórase ao longo da mañá unhas 3 ou 4 veces e co tempo de reinicio [dos aparellos electrónicos] estivemos case unha hora”.

Ademais, ditos cortes non afectan só aos traballos nos que estean involucrados ordenadores e demais dispositivos electrónicos, senón que a luz  “é necesaria a luz para todo, para a celebración das vistas, para tomar declaracións... e se ven calquera cidadán tamén é necesario. Afecta en todo e a nós paralízanos totalmente, de estar cos brazos cruzados”, explican as mesmas fontes.

Noutros negocios, como a mítica cafetería O Pazo, estes cortes non supoñen unha gran perda, mais si chegan a ser un tanto “molestos”. Segundo comenta Juan Sierra, xerente do bar, “son cortes de curto tempo... Non nos inflúe moito, pero tampouco estás cómodo. Tes maquinaria e se se corta a luz, non podemos facer nada”. Ademais, indica que “moita xente aproveita a estar sen luz para saír a tomar o café, pero claro, non se dan conta que nós tamén estamos sen poder traballar”.

Así estaban o xoves os clientes da cafetería O Pazo.

Tamén os hai máis precavidos e, sabendo o que hai, preparáronse para este tipo de situacións coa compra dun Sai (Sistema de alimentación ininterrompida), tal e como fixeron na asesoría Asecor. Este aparello, ao que se lle enchufan os dispositivos electrónicos, funciona a modo de batería e permite que se poidan seguir utilizando ditos dispositivos durante un tempo limitado, mais hai veces nas que nin con este tipo de tecnoloxía pode saírse do paso.

“Nós temos aquí un Sai para cando marcha a luz, entón, se non marcha moito tempo aínda non nos afecta. Pero claro, se está como hai uns días, que marchou máis de 15 minutos entón non podemos traballar, como funcionamos con ordenadores e internet...”, comenta Manolo Mouzo, de Asecor.

Ante toda esta masa de cortes de luz, Mouzo indica que “parece que estamos volvendo para atrás. Antes marchaba algunha vez, pero ultimamente marcha con bastante frecuencia”. Un feito que tamén apuntou Sierra: “Eu acórdome que antigamente marchaba moito a luz, estaba moito tempo sen ela... Agora levamos un tempo que ía bastante ben, pero este ano, estes meses, está marchando moi seguido. Agora mesmo estamos sufrindo practicamente corte por día case. Non sei se é porque o mantemento está escaso, ou está a cousa mal e necesita cambios... Non sei, pero a verdade é que ultimamente está habendo moitos cortes”, afirma o do Pazo.

Comentarios