As mulleres profesionais da Costa da Morte tecen a súa comunidade
Nacía a comezos de ano pola rede e en pouco tempo a comunidade de mulleres profesionais “Todas Nós” xa contaba con 30 profesionais. Hoxe, esta rede xerada dende o comprimiso da consultora “Nós Igualdade” e a súa cara visible, Patricia Vaquero, achégase ao centenar de mulleres. E dende esta fin de semana, unhas 25 xa se puxeron cara, debido ao primeiro evento físico que realizaron en tempos de pandemia.
A xuntanza tivo lugar no Catro Perras de Corcubión, e demostrou o interese, as gañas de participar das mulleres profesionais e emprendedoras da Costa da Morte. De diversas procedencias, e de moi diferentes eidos (sanitarias, profesionais do turismo, do sector social, da comunicación, do sector tecnolóxico, da comunicación…) compartiron as súas experiencias e inquedanzas neste mundo dominado polo patriarcado.
Porque só reflexionar sobre iso, só poder compartir en aberto, de ti a ti con mulleres iguais, xa supón en moitos casos unha liberación para todas esas bravas profesionais que día tras día se dan de fronte co telón de cristal. Todas tiñan moitas gañas de participar, de compartir, de escoitar, de formar parte desta rede, desta comunidade.
Algunhas compartiron parte do seu desenvolvemento persoal e laboral, con experiencias dende máis pequenas a grandes vivenzas de alto nivel profesional. Pero en todas apareceron conceptos de xustiza social, de igualdade no eido laboral… ofrecendo unha guía sobre como superar os seus propios límites e os que ten a xente que as rodea.
Semella pois, tras esta gran acollida, que esta iniciativa que comezaba como un directorio para “visibilizar e por en valor o traballo e as aportacións á sociedade das mulleres rurais profesionais da Costa da Morte”, ten moito futuro en clave de rede.