O cine euro-árabe do Festival Amal chega a Corcubión


Fantástica a proposta cinéfila de Corcubión. Nada menos que achegar o Festival AMAL, festival de cinema euro-árabe Amal, á Capela do Pilar de Corcubión. Concello, Fundación Araguaney e a Universidade Cromática das Virtudes, únense para proxectar cinco filmes premiados no festival do 2012 na Capela do Pilar.
As citas serán os venres 24 e 31 de maio e 7, 14 e 21 de xuño. E as cintas proxectadas en versión orixinal e subtiutladas serán a s seguintes:
- Rabat.
- Le thé ou l´electricite.
- Bromas aparte.
- Ensemble.
- Eid.
As Letras en Corcubión
Paralelamente, o Concello de Corcubión continúa coas actividades programadas con motivo do día das Letras Galegas. Logo de disfrutar dos "Contos de sobremesa de Pablísimo" o pasado 26 de abril, os máis pequenos de Corcubión recibirán a visita do grupo de teatro "A illa dos nenos" coa súa actuación "maxia vs. ciencia" o próximo venres 17 de maio a partir das 18:30 horas na Casa da Cultura.
Unhas actividades paralelas as que artella a Universidade Popular de Corcubión.
Ademais, aquí deixamos a Declaración Institucional para esta simbólica data:
Declaración do Concello de Corcubión con motivo das Letras Galegas
Un ano máis celebramos o Día das Letras Galegas. Esta data foi instituida polos herdeiros do “galeguismo histórico” para canalizar as enerxías do pobo galego, como nacionalidade histórica, ante o réxime franquista e promocionar e manter vivo o maior patrimonio colectivo de que dispomos os galegos: o idioma propio. Ante a situación de represión, marxinación e desprezo que sofría o galego por parte do Estado centralista e uniformador, foi a fórmula que idearon para procurar a supervivencia colectiva. Felizmente o franquismo hoxe é historia, mais a situación da nosa lingua segue empeorando. A lexislación ampara o uso do idioma galego, é certo, mais a praxe e as inercias, froito da dificultade de transformación das mentalidades, seguen a producir efectos devastadores para a nosa língua que cómpre correxir. Así podemos constatar que a transmisión do idioma de pais a fillos, cadea natural e necesaria para a supervivencia deste, presenta unhas estatísticas desoladoras. Por outra parte, os medios de comunicación de masas están a conseguir en poucos anos o que séculos de persecución por parte do Estado non lograra: impor o idioma castelán como único idioma español. Hai un proverbio popular galego que afirma: “O falar non ten cancelas”. Infelizmente algúns dirixentes políticos, que ostentan responsabilidades das que non son dignos, teiman en pór, unha e outra vez, cancelas ao galego. Aqueles que teñen a obriga por Lei de defender o noso idioma están lexislando en contra de anteriores consensos como a Lei de Normalización Língüistica, coa finalidade, baixo unha etiqueta de falsa liberdade, de garantir os actuais privilexios do idioma castelán. Se ben é certo que o bilingüismo individual é enriquecedor e desexábel para as persoas, e que estudos científicos teñen demostrado que estes individuos acadan mellores resultados académicos, tamén o é que o chamado “bilingüismo social” non existe e que tal denominación é un eufemismo para ocultar o conflito lingüistico que a nosa sociedade padece. Defender a liberdade é defender o oprimido, é defender o noso idioma. Ningún pai ou nai quere verdadeiramente os seus fillos se lles nega o tesouro da nosa língua propia. Desde o Concello de Corcubión animamos á cidadanía a vivir cada día en galego, sen complexos, facendo uso do idioma que herdamos dos nosos devanceiros.Letras Galegas na Costa
- A Universidade Popular de Corcubión revive con Letras.
- As FestiLetras da aldea do Couto viven a súa idade de ouro.
- Fisterra prepara unha Semana das Letras moi divertida.
- Cee propón un poético maio de Letras.
- Zas adica o mes das Letras a Vidal Bolaño.
Fonte
- Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).