sábado. 20.09.2025
El tiempo

Os párrocos de Bergantiños na visita pastoral de 1817

fotografía dos anos corenta do século pasado co clero da zona de Bergantiños ante a igrexa de Sofán, nunha celebración tributada en homenaxe a don Antonio Carracedo
Foto dos anos corenta do século pasado co clero da zona de Bergantiños ante a igrexa de Sofán, nunha celebración tributada en homenaxe a don Antonio Carracedo, párroco de Sofán (foto cedida polo arquivo de Antealtares).celebración tributada en homenaxe a don Antonio Carracedo
Os párrocos de Bergantiños na visita pastoral de 1817

No ano 1817 xirou en visita pastoral polo territorio do arciprestado de Bergantiños o párroco de Razo, e arcipreste do partido, don Luis Berdía Troncoso de Lira, sacerdote de gran cultura, natural da Coruña, Bacharel en Filosofía, de 59 anos de idade e con 29 anos de estancia como cura desta freguesía, na que se mantivo ata a súa morte. En 1817 desempeñou o duro traballo de percorrer cada unha das igrexas e capelas; visitar, corrixir e alentar aos demais párrocos e clérigos, así como inventariar o patrimonio relixioso e documental... Como froito desta visita, contamos no Arquivo Diocesano de Santiago cun groso volume, digno un día de ser transcrito e de ser publicado, xa que supera toda a información e os datos que temos da comarca no seu tempo fronte a outros visitadores. Así, Troncoso chegou incluso a anotar costumes, algunhas delas aínda moi pagáns e supersticiosas, que realizaban os nosos antepasados. Sen embargo, neste artigo analizaremos os datos que aportou este crego sobre os párrocos daquel tempo. 

Despois de saír de Razo, Troncoso de Lira visitou como arcipreste as parroquias circundantes á súa: en Lema puido saudar a Pedro de Neira e Gallardo, de 51 anos e 13 de cura, 5 deles en Bergantiños. Era natural de San Xián de Corgo, diocese de Lugo. Por aquel entón, como as freguesías tiñan presentación, os seus donos promoverán a estas a cregos doutros territorios da súa confianza. Despois de Lema, Luis Troncoso acudiu a Vilela, rexentada por Juan Antonio Varela, que levaba alí un ano, e era natural de Cances. Nacido en Vilela era Nicolás Lantes, de 59 anos e 20 desempeñando a cura de almas de Noicela. Tanto en Noicela como Rebordelos, a presentación era exercida polos frades Agostiños de Caión, residentes naquel tempo na Coruña. Aínda así, a parroquia de Caión foi rexentada por un deles, frei Domingo Enjo, de 44 anos e 7 na vila mariñeira. Remontando a xeografía cara o interior do arciprestazgo, Troncoso foi cara Lendo, parroquia que era atendida por Ramón Pérez, e despois Lemaio, onde era crego Pedro Díaz de Castroverde, de 50 anos, natural da diocese de Lugo, de onde viñera había 12 anos.

En Bértoa, o arcipreste tivo que facer fronte a un caso bastante difícil de rebeldía sacerdotal. Atendía este curato, ou máis ben desatendía, don Simón Antonio Godoy e Castro, nacido en Santa María de Porriño, diocese de Tui, de 64 anos de idade e 33 anos en Bergantiños. Quen realmente atendía aos fieis era un capelán, José Martínez, natural de Noicela. Godoy e Castro fora corrixido varias veces polos seus compañeiros por variar a fórmula dos sacramentos, levar anos sen celebrar unha Misa e por dar varios escándalos en lugares públicos, como a pelexa que tivo un día na feira de Carballo, a asistencia a bailes e romaxes vestido de paisano, etc. Semellante a este existía un capelán en Anxeriz, José Ramón de Covas, ordenado a título de capelán de san Amaro de Brenlla, e que a súa conducta era máis que reprobable. Natural de Bértoa era Silvestre Vázquez, párroco naquel entón de Entrecruces, de 58 anos. 

En Carballo, o arcipreste atopou de crego a Juan Ignacio Bermúdez, natural de Artes, de 39 anos e 13 de crego en Bergantiños; en Verdillo, a José Fernández Sueiro, nacido en San Martiño da Laxe, en Moraña, de 37 anos e 2 nesta parroquia. En Sofán era párroco don Pedro Pillado, veciño de Santa María de Villaselán, en Mondoñedo. Foi párroco de San Pedro de Muro dende o 7 de xaneiro de 1795 ata o 24 de agosto de 1806, onde pasou ao apetecible curato de Sofán. Foi un home moi culto, deixou libros para a Universidade de Santiago, fundou o Desencravo, construíu unha ponte en Sofán e fixo unha bo donativo para o retablo da súa freguesía natal. A parroquia de Ardaña estaba rexentada polo crego José Osinde, nacido en Goiáns, de 36 anos, que tomara posesión deste curato o 1 de outubro de 1816. Despois deste destino, Osinde pasou a Santa Baia de Castro e o seu anexo, beneficios nos que estivo ata a súa morte. Seguiu os seus pasos un sobriño seu, Ramón Antonio Pardiñas Osinde, ordenado sacerdote e capelán de seu tío para a parroquia de Santa Baia. Naquel momento, Castro e Coristanco era levado por Antonio de Lago, que no mesmo ano viñera da parroquia de Cances, curato ao que fora promovido Manuel Casais, natural de San Martiño de Olveira, de 30 anos de idade e primeiro destino parroquial.

Moitos destes párrocos chegaban a ser “eternos”, xa que tomaban posesión das súas parroquias e chegaban a rexentalas ata a súa morte; por exemplo, dende 1768 ata 1815 estivo como párroco de Rus José Benito Suárez, sucedido polo seu sobriño, Marcos Suárez, que estivo dende 1815 ata 1819. Este compareceu en calidade de Ecónomo na visita de 1817. En Anxeriz, o arcipreste saudou a Francisco Antonio Costenla, de San Xoán de Vea e de 56 anos; levaba en Bergantiños dende 1790. En Seavia e Erbecedo, polo contrario, actuaba como cura José María Rodríguez Estrada e Somoza, de 34 anos e que levaba 2 naquelas freguesías; era natural de Santa María de Campo Ramiro, arciprestado de Chantada e diocese de Lugo. Dunha idade semellante era o cura de Couso e Ferreira, Manuel de Lago, orixinario de San Pedro de Cea. Tomás Morciego e Población era, naquel entón, párroco de Agualada, natural de Santa María de Rioseco, da comarca de Las Merindades; o seu irmán Pedro fora párroco de Verdillo. De terras cántabras era o crego de Valenza e Cereo, concretamente de Santibáñez de Carriedo: Manuel España. Tiña 42 anos, 6 de cura e, ademais, tiña o título de Bacharel e profesor de Teoloxía. Con títulos académicos semellantes atopamos ao crego de Xaviña, don Francisco López Ruzo, Licenciado en Canons, e que era natural de Santa Baia de Espenuca, Betanzos, de 42 anos e 13 de sacerdocio, e Francisco Javier Cedrón e Quiroga, cura de Oza, Bacharel en Canons, de 56 anos e 22 de ministerio. Este último atopábase imposibilitado por unha cegueira e unha enfermidade que padecía dende había cinco anos; por este motivo, a cura de almas era desempeñada polo capelán Domingo Antonio Facal. En Sísamo vivía un patrimonista, Juan Balay, que fora nomeado para Traba e Oca, co fin de axudar ao párroco, José Benito Maquieira e Malvar, natural de Redondela, de 48 anos e 22 de presbítero. Pese ás correccións dos seus superiores, Balay parece que non facía caso das indicacións. Coa mesma procedencia que Maqueira, que pertencía á diocese de Tui, atopamos a Manuel Gestera e Rodríguez, de Santo Estevo de Castellanos, de 56 anos e 29 de crego, que rexentaba San Xusto e Verdes. Finalmente, como reitor de Sísamo e Goiáns, o arcipreste Troncoso de Lira atopou a José Antonio Agrego e Sotelo, de San Lourenzo de Pousada, de 66 anos de idade e 30 de cura. 

Máis artigos de Luís Bermúdez

 

Comentarios