Os veciños de Corcubión sofren a centralización de Correos


Tempo de recortes, e de centralización de servizos, e os que o sofren somos sempre os mesmos. Neste caso son os veciños de Corcubión, que levan semanas sen recibir o correo como acostumaban. E a culpable non é outra que a mellor profesional que ten coñecido este xornal, a carteira de Corcubión, Montse. Está de vacacións e o servizo de entrega das cartas estase levando dende o centro de distribución, de Cee. I é que Corcubión deixou de recibir este ano a visita do camión, quedando só como oficina e non como centro de distribución, quedando Cee como núcleo para Corcubión e Dumbría.
De feito, Montse leva meses repartindo dende Cee, e xa non pode percorrer a vila de San Marcos a pé como solía facer, se non que agora vai en furgoneta.
O caso é que as vacacións están sendo cubertas, sen unha contratación específica, dende Cee, e as profesionais da vila da Xunqueira non coñecen os segredos de Corcubión. I é que son moitas as casas que non teñen ben indicada a dirección, pero gracias a gran profesionalidade da carteira corcubionesa, as cartas sempre chegan, a pesar de teren os números erróneos ou omitidos. Que pasa? antes Montse facía un servizo tremendamente personalizado e achegaba a carta a onde fose necesario. Durante estas semanas, as cartas van de volta á oficina da Praza do Concello de Cee.
Dende a oficina de Cee xa informan que é importante que os veciños corcubioneses intenten modificar os seus datos para que as direccións sexan as correctas, ao tempo que inciden en que "non é un problema de retrasos, o reparto vai ao día".
A reflexión parece ser clara: a centralización de servizos nunha zona dispersa como a nosa só repercute na perda de calidadede vida para os veciños.
Pero que non se preocupen os veciños de Corcubión. Montse estará de volta a vindeira semana.
Novas relacionadas
- Os afectados da Operación Forest apuntan aos funcionarios.
- Unanimidade en Corcubión contra o desmantelamento do Partido Xudicial.
Fonte
- Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).