Reactívase o Colectivo contra a praia artificial de Corcubión e solicita o pronunciamento firme do PP


O Colectivo en Defensa da Ría de Corcubión celebrou unha xuntanza na mañá do sábado co fin de reactivar as mobilizacións ante as últimas novidades do proxecto en materia de adxudicacións. Ademais, o Colectivo "alédase de ter constatado o crecente rexeitamento social ao proxecto da praia artificial de Corcubión, traducido na incorporación de novos integrantes a este grupo de traballo".
O primeiro paso que quere dar o Colectivo é "solicitar do Partido Popular un pronunciamento serio e contundente, sobre as súas intencións ao respecto do proxecto da praia artificial". Recentemente o PP de Corcubión ten reiterado o seu rexeitamento á instalación desa "aberración medioambiental", como a cataloga o Colectivo, e lembran o compromiso do voceiro de Pesca do PP, José Manuel Balseiro, nunha xuntanza desenvolta no 2010 co Colectivo.
Dende o grupo corcubionés entenden que é o goberno estatal o que ten potestade para botar o proxecto abaixo.

Posicionamento da confraría
Tamén queren dirixirse a outra entidade que "ata o de agora garda un incomprensible silencio: a Confraría de Pescadores de Corcubión". Afirman que "un proxecto que supón unha modificación nos puntos de amarre e que afectará ao calado das embarcacións que teñen base no peirao corcubionés debería provocar algún tipo de pronunciamento por parte dese organismo".
Dous plenos en contra
Do mesmo xeito, o Colectivo en Defensa da Ría de Corcubión quere lembrarlle ao grupo de goberno de Corcubión que "o proxecto que xa ten dous pronunciamentos en contra, en sendas sesión plenarias do Concello de Corcubión e unha importante contestación social". E igualmente piden "claridade" sobre se o proxecto vai ou non vai.
Máis asembleas abertas
O Colectivo seguirá coas súas reunións periódicas, abertas a toda a veciñanza que rexeite o proxecto de praia artificial.
Novas relacionadas
- 07-02-12: É irreversible a construción da nova praia en Corcubión?.
- 12-12-11: A area volve ameazar o malecón de Corcubión.
- 2010: O PP amosa o seu rexeitamento á nova praia de Corcubión .
- Volve a marexada política a Corcubión.
- O proxecto da praia de Corcubión será debatido no Parlamento .
- O pobo decidirá se quere a nova praia de Corcubión.
- Carta Sen Xeito ao alcalde de Corcubión.
Fonte
- Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).