O CEIP Bormoio-Agualada abre as súas portas para recuperar alumnado
No curso 2012-2013, hai menos de 10 anos, había 109 nenos/as no CEIP Bormoio-Agualada. Este 21-22 só son 62 os nenos e nenas que aproveitan a calidade que ofrece un cole rural coma o coristanqués. Por iso, dende a dirección do centro, da man da directora Olalla Formoso Sanmartín (natural de Lariño) e o Secretario, Diego López Seijas, seguen loitando por animar á veciñanza a traer ás sáus criaturas ao centro.
Organizan para que as familias o vexa, unha Xornada de Portas Abertas para os 23 e 24 de febreiro, de 17:00h a 18:00h. Pódese tamén acodir noutro horario, solicitando cita no 881 880 546 ou en [email protected].
A día de hoxe o centro conta con 6 aulas, pois 1º e 2º de Primaria e 3º e 4º de Primaria están xuntos, así como os nenos de 4 e 5 anos de infantil. Os de 3 anos e 5º e 6º teñen os seus grupos separados.
O centro conta con cociña propia e un menú coidado e equilibrado, todo un luxo en tempos de caterings.
Fachendean tamén no centro de ter estreado hai pouco unha renovada aula de psicomotricidade e un parque infantil, que conta con zona verde, e ademais están traballando para crear uns patios máis dinámicos e inclusivos, pintando o chan con actividades como a mariola, o tuister…
Contan tamén cunha activa biblioteca, con Radio Escolar e todo, e traballan moito a dixitalización, con ordenadores portátiles, tabletas e mesmo “escornabots”, uns robots educativos.
Xornada única
Leva anos a comunidade escolar pelexando pola Xornada Única. Un asunto no que se cruzou Transporte escolar integrado, polo que as familias quedaron sen esta medida conciliadora, malia ter unha porcentaxe de familias interesadas suficiente para proceder ao cambio.
Este ano, a dirección volve presentar a documentación na Consellería e espera que este ano si que consiga o cambio cara a Xornada Única, unha vez que hai boa sintonia con Inspección e boa colaboración co CEIP Xosé Pichel para solventar o tema do transporte.
En todo isto, está traballando a ANPA, moi activa como toda a comunidade escolar.
Teñen activo ata un Perfil de Facebook “CEIP Bormoio-Agualada” e un de instagram @comedoragualada.