A veciñanza de Brenlla solicita que se actibe o principio de Precaución" co poste de telefonía
A veciñanza afectada pola nova liña de telefonía que atravesa a comarca de Bergantiños na zona de Brenlla, en Coristanco, solicita que tanto Concello como Xunta de Galicia active o "principio de Precaución" (art.191.2 do Tratado de Funcionamento da Unión Europea-TFUE), aludindo a que "cando exista incerteza científica sobre os riscos potenciais dunha actividade para a saúde ou o medio, as administracións deben adoptar medidas preventivas evitando a exposición innecesaria da poboación".
Así o entende a veciñanza, que trala reunión informativa vivida a semana pasada, este venres recibía a visita do deputado do BNG Oscar Insua. O parlamentario, acompañado do portavoz municipal Henrique Serra, visitou o terreo onde instalaron a antena e reuniuse cos veciños e veciñas, para escoitar as súas inquedanzas e demandas.
O BNG de Coristanco sinalou que os afectados do lugar dirixíronse ao Concello para pedir ao goberno local que fixese as xestións oportunas para que as súas reivindicacións sexan atendidas, “mais a acollida por parte das autoridades municipais non foi todo o boa que era de agardar”, polo que o deputado vai pedir “que interveña a Xunta de Galiza para tratar de buscar unha solución satisfactoria para todos”.
O portavoz en Coristanco, Henrique Serra , declarou que “o alcalde debera mostrar máis sensibilidade coas demandas da veciñanza afectada, porque a súa función é defender os intereses dela, non os das empresas instaladoras”.
Oscar Insua manifestou que “é sospeitoso que no Concello non souberan nada sobre a localización da antena cando esta púxose nunha parcela pertencente a un membro da lista do alcalde porque ningún veciño quixo ceder ou negociar coa empresa para instalar esa antena. Supoño que haberá máis sitios onde poñela, sin ser tan preto das vivendas e cumprir igualmente o fin de mellorar a cobertura nesa zona”.




