Estudantes do IES Fernando Blanco completan a súa formación en Soldadura en Gerca
Esta semana comezaron as prácticas do segundo curso da FP Dual intensiva de Soldadura do IES Fernando Blanco, e o alumnado incorpórase durante os próximos seis meses ao equipo humano de Gerca, en Vimianzo.
Durante este período, os estudantes formarán parte activa do día a día da empresa, aplicando nun entorno de traballo real os coñecementos adquiridos na aula. Esta modalidade formativa combina a aprendizaxe teórica co desempeño profesional na
empresa, permitindo ao alumnado adquirir experiencia práctica, responsabilidade e unha visión directa do sector industrial.
A FP Dual intensiva desenvólvese ao longo de dous anos, distribuídos entre o centro educativo e a empresa, e inclúe prácticas remuneradas. Este modelo facilita unha transición efectiva ao mercado laboral e permite ás empresas participar activamente na
formación dos futuros profesionais.
“En Gerca levamos anos apostando pola FP Dual porque cremos que é a maneira máis efectiva de preparar aos mozos e mozas para incorporarse ao mercado laboral, pero tamén para que descubran se realmente lles gusta a profesión que están a estudar”,
sinala Mélani Lois, responsable de comunicación da empresa. “Unha parte do noso equipo humano actual procede desta e doutras formacións profesionais, o que demostra que este modelo funciona e xera oportunidades reais”.
Actualmente estase a traballar xa na próxima convocatoria desta FP Dual no IES Fernando Blanco para o vindeiro curso académico, co obxectivo de continuar fortalecendo a colaboración entre o ámbito educativo e o sector industrial da comarca.









