O proxecto turístico “Os fogóns do Anllóns” xa está en marcha cun 1,5 millóns de euros
- Ademais de potenciar a gastronomía de 5 concellos bergantiñáns, o proxecto creará o Sendeiro do Anllóns, de 53km.

Tras ano e medio de cocción a lume lento, o Plan de Sostibilidade Turística en Destino “Os fogóns do Anllóns” xa está en marcha. O vicepresidente da Deputación e deputado de Turismo, Xosé Regueira, presentou ante os 5 concellos participantes no proxecto (Laracha, Cabana, Carballo, Coristanco e Ponteceso) as primeiras liñas estratéxicas que se porán en marcha unha vez que o proxecto conta cunha concesión de 1,5 millóns de euros de fondos europeos Next Generation, tras ser incluído na Conferencia Sectorial de Turismo.
O proxecto, que será o gran protagonista da participación da Deputación na Fitur o vindeiro mes de xaneiro, foi debullado pola empresa EOSA Estrategia y Organización S.A, a encargada de elaborar a candidatura. Destacaron os 4 eixos recollidos principais, pero o primeiro paso é o de divulgar, o de socializar, o de facer partícipes aos sectores económicos e a veciñanza neste proxecto de todos. O primeiro paso é a implicación dos Concellos e de aí ás empresas, restaurantes, hoteis, tendas… e por suposto, para chegar ao fondo da veciñanza.
Lembraron que ‘Os fogóns do Anllóns’ está concibido para “ofrecer un produto turístico de calidade, baseado na gastronomía local e sostible”. E para iso cumple características nos 4 eixos principais que esixen os fondos:
- Eixo transición verde e sostible: creación dunha rede de miradoiros e doutros espazos novos para usar, por exemplo, como praias fluviais; e tamén a promoción de accións de limpar e eliminar as especies invasoras nas beiras dos ríos.
- Eixo mellora da eficiencia enerxética: organizar servizos de paseo en embarcacións limpas, rutas de cicloturismo e alugueiro de bicicletas, mesmo en restaurantes, e, sobre todo, apostará polo sendeiro do Anllóns, nuclear do proxecto, de 53 quilómetros que transcorren por A Laracha, Carballo, Coristanco, Ponteceso e Cabana.
- Eixo transición dixital: mediante o uso de realidade aumentada e códigos QR, explicarase a gastronomía local, ou a deseñar aplicacións nas que consultar todo o relacionado co proxecto.
- Eixo competitividade: embelecemento de restaurantes, incentivando, por exemplo, que conten con louza e manteis elaborados na zona. Tamén se potenciarán as feiras e se deseñarán rutas gastronómicas que aposten polo produto de quilómetro 0.
Historial do proxecto
- Maio 22: O Proxecto Anllóns chámase ‘Os fogóns do Anllóns’ e aposta pola gastronomía.
- Febreiro 22: Medio millón para arrincar a primeira fase do Proxecto Anllóns: unha gran senda verde de 53km.
- Outubro 21: Constituído o Consello de Dirección do Proxecto Anllóns pensando nos Fondos Next Generation.
- 24-09-21: Creado un ente intermunicipal para xestionar o "Proxecto Anllóns”.
- Xullo 21: Deputación e 5 Concellos de Bergantiños crean o “Proxecto Anllóns”.