Martes. 30.04.2024
El tiempo

10 anos de cromos na Costa da Morte

10 anos de Album de cromos na Costa da Morte
10 anos de cromos na Costa da Morte

Hai 10 anos o equipo de Deportes do diario dixital da Costa da Morte Quepasanacosta comezaba esta fermosa e pioneira andaina dos cromos no Fútbol da Costa. A nosa intención era crear unha revista estilo “Liga Marca” do noso fútbol, e foi aló por 2013 cando se cruzou a empresa viguesa de Sportcrom. E vimos a luz: un álbum de cromos do Fútbol da Costa.

Unha proposta única no fútbol galego, onde os cromos comezarían a servir para vertebrar a comarca a través do deporte, e permitiría que un rapaz de Carnota estableza un vínculo especial cun de Malpica; que un Muros saiba cal era aquel lateral que tan ben o cubríu en Ponteceso, ou que un Corcubión lembre con máis agarimo aquel choque cun xogador do Baíñas. Xa nunca máis sería “o 7 do Corme”, ese 7 xa ten nome!

Aquela primeira colección de 2013/2014, cos equipos sénior, foi un rotundo éxito. Non saberíamos como ían reaccionar os rapaces de 20-30 anos, pero xa naquela emotiva gala de presentación con David Vidal en Santa Comba nos decatamos que o álbum ía ser todo un éxito. Non só os rapaces tiñan gañas de ter os cromos dos xogadores dos equipos da súa vila, senón que os propios protagonistas coleccionaron como tolos, con divertidas xornadas de churrasco e cromos, e mesmo imprimindo e plastificando os seus cromos para nais, avoas ou parellas.

Anos despois, na 2018/2019, realizamos a segunda edición, desta volta con todos os equipos do Fútbol modesto costeiro, saldando unha débeda que nos quedara cos equipos de 3ª Autonómica, os 3 equipos femininos que xa competían esa temparada, e co colectivo arbitral. Éxito repetido, como recoñecía o propio Augusto César Lendoiro na presentación celebrada en Vimianzo: “Os que crearon este álbum, tiveron unha idea luminosa”.

Ao ano seguinte, 2019/2020, lanzámonos coa primeira edición do Fútbol base costeiro. Menuda experiencia tan marabillosa a de aparecer coas caixas de álbumes ante aqueles centos de familias que ateigaban o auditorio de Muros, de Fisterra ou de Santa Comba. Aquela xira de presentacións fíxonos sentir coma os Reis Magos!

Aínda nos quedaba un reto por realizar, e na 2020/2021 realizamos o primeiro álbum de cromos do Fútbol Feminino da historia deste país. O #álbumFUTFEMGalego, coa pandemia de por medio, conseguíu xuntar nunha publicación máis de 600 xogadoras de toda Galicia (inclúidas as dos equipos da Costa e as árbitras) nunha edición histórica, que ratificou que a revolución do fútbol feminino en Galicia é máis que unha realidade.

Con esta experiencia, lanzamos nesta 2023/2024 o novo álbum do fútbol base costeiro, convertindo en auténticas estrelas a máis de 1.500 rapaces e rapazas de 100 equipos de 20 clubs da Costa. Toda unha marea de ilusión a que percorrerá a Costa da Morte, dende Malpica ata a Serra de Outes, pasando por Santa Comba, Vimianzo ou Cee.

Queda só agradecer a colaboración de todas as persoas que formaron ou forman parte desta familia, que fan posible facer realidade o soño de centos de cativ@s de toda a comarca: Alberto Pose, Óscar Santos, Manuel Varela, Óscar Leis, Ubaldo Cerqueiro, Jorge Parri, David Castro… E como non, aos Julio, Richard e Jorge, a familia viguesa de Sportcrom, sen os que sería imposible desenvolver estes magníficos traballos. 

Non pode faltar o noso meirande agradecemento a todos os clubs da Costa, que sempre se animan a colaborar activamente para que todo saia á perfección; aos patrocinadores (tanto públicos, véxanse Concellos, Deputacións ou RFGF, como privados), ao colexio de árbitros e a todos os que fan posible esta aventura.

Máis novas do Álbum

Comentarios