Sábado. 20.04.2024
El tiempo

A ASOAR-ARMEGA volve ser a voz da pesca artesanal en Bruxelas ante a Comisaria María Damanaki

A ASOAR-ARMEGA volve ser a voz da pesca artesanal en Bruxelas ante a Comisaria María Damanaki

A entidade radicada en Corcubión, Asociación de Armadores de Artes Menores de Galicia (ASOAR-ARMEGA) volverá ser a voz do sector da pesca artesanal en Bruxelas. A entidade ten previsto viaxar o vindeiro mércores 22 de xuño a capital europea para asistir a unha conferencia na que transmitirán perante o Parlamento Europeo da Pesca os problemas e dificultades que está a atravesar a pesca artesanal derivados das políticas, normas e esquemas fixados polo Parlamento Europeo da pesca. Unhas normas vistas dende o sector "de difícil aplicación" polas súas características e peculiaridades, e que están a dificultar a actividade dos pescadores artesáns.

O propósito do evento é o de establecer as bases para a introdución das propostas da Comisión Europea para reformar a Política Pesquera Común da Unión Europea. No acto, para que vexan do nivel do que estamos a falar, e no que participará o secretario da ASOAR, o corcubionés José Luis Rodríguez, está previsto que tamén interveñan (se Rodríguez llo permite):

  • Callum Roberts, un científico moi coñecido, que falará sobre a situación dos stocks de pesca e como teñen diminuído.
  • A Comisaria de Pesca: María Damanaki.
  • Guus Pastoor: presidente da Asociación Europea de Comercializadores e Procesadores de Pescado.
  • Tony Long - Director de WWF.

Un logo traballo

Esta intervención vén froito do traballo que esta Entidade está a levar a cabo coa colaboración de GREENPEACE coa fin de que a pesca artesanal teña o trato xusto e mercedor no marco das políticas europeas. Xa os vimos o pasado mes de novembro no mesmo Parlamento europeo e agora voltan para alzar, de novo e un pouco máis, a voz dos máis pequenos: a pesca artesanal.

Dende a entidade consideran "este encontro moi positivo para o sector da pesca artesanal, xa que será unha ocasión única na que poder transmitir de primeira man ante a Comisaria de Pesca o sentir desta flota e as dificultades que está a atravesar, así como facerlle chegar aquelas propostas que pensamos son necesario aplicar na futura PPC, coa fin de que a flota pesqueira artesanal non se vexa discriminada polas normativas futuras e sexa situada como unha pesquería de futuro".

Novas relacionadas

Máis novas

Fonte

  • Nota de prensa de ASOAR-ARMEGA.

Comentarios