Xoves. 18.04.2024
El tiempo

Alumeado de Nadal: Gasto ou investimento?

Instalacion do alumeado de Nadal en Cee-Foto-Rafa Quintans
Instalacion do alumeado de Nadal en Cee-Foto-Rafa Quintáns
Alumeado de Nadal: Gasto ou investimento?

Concellos como Camariñas, Carballo, Cee ou Vimianzo xa están instalando o alumeado de Nadal. As empresas adiantan cada vez máis a súa instalación para non verse desbordadadas durante finais de novembro, e comezos de decembro. Pero a situación actual provoca un certo debate entre a veciñanza. É necesario este gasto “coa que está caendo? Ou pola contra, o alumeado simboliza un punto de alegría nestes tempos tristes, e ademais serve de impulso para reactivar a economía de cara ao Nadal?

FOTO VIMIANZO- Iluminación Nadal 1
Imaxe do alumeado de Nadal o ano pasado en Vimianzo

Unha reflexión que se está a facer, por exemplo, en Vimianzo, onde o Concello lembra que está comezando a instalación dun alumeado xa adxudicado antes do estado de alarma. O concelleiro de Obras, Miguel Ángel Pérez, lembra o éxito do ano pasado, sinala que a Praza do Concello estreará decoración e valora que o alumeado chegará a todas as parroquias. Pero sobre todo, confía en que a colocación da iluminación sirva como “revulsivo para as compras nos comercios locais nesta época”.

Pola contra, o grupo da oposición, Adiante Vimianzo, lanza as súas críticas en dous sentidos. Por un bando, considera “frívolo colocar o alumeado cando vive o peor momento sanitario desde o pasado marzo”. Polo outro, critica o gasto de 50.000€, un 40% máis que o ano pasado, “cando a sociedade vive inmersa nunha gran crise sanitaria e económica”. Manuel Antelo considera o investimento “desorbitado” e critica que “o gasto en alumeado de Nadal no concello de Vimianzo é superior ao que destina a axudas ao pequeno empresariado autónomo, sendo a achega do concello ao planda Deputación de 32.000€ de fondos propios”.

Entre os que están a favor tamén se postula a alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua: “temos que aprender a convivir coa pandemia. O Nadal é unha época para desfrutar, de ilusión, e a pesar do que estamos a pasar non podemos deixar de celebrala da maneira que sexa e incentivando a economía local”. O goberno camariñán considera que “as luces sempre incentivan o consumo, neste caso no comercio e na hostalaría local, que son os sectores máis afectados”.

Tamén o Concello de Carballo considera que é “importante manter, na medida do posible, o espírito do Nadal e contribuír á dinamización da actividade económica”. O alumeado carballés acenderase o 4 de decembro.

Alumeado de Nadal en carballo
Instalación en Carballo

Comentarios