Sábado. 27.04.2024
El tiempo

Atracou o primeiro cruceiro da historia do porto de Brens… e marchou

Atracou o primeiro cruceiro da historia do porto de Brens… e marchou
Cruceiro Le Boreal no porto de Brens-Cee-Foto-David Trillo

Chegou o día. Mércores 7 de maio, e o cruceiro Le Boreal chegou e atracou no Porto de Brens. Atracou pero non parou, como xa contaramos. Unha cita histórica, pois é a primeira parada en Cee dun barco de pasaxeiros, pasaxeiros que se embargo non quedaron na nosa bisbarra.

O barco chegou arredor das 7:00h, e a expectación foi semellante a de aquel 8 de febreiro de 2012 coa chegada do primeiro mercante ao novo peirao. Numerosos veciños erguéronse pronto para ver chegar, e marchar, ao cruceiro dende todas as partes da ría.

Expectacion no Porto de Brens a chegada do cruceiro Le Boreal-Foto-David Trillo

Procedente de Viana do Castelo e anteriormente de Lisboa e Porto, o barco de 142 metros de eslora, atracou ás sete da mañá no peirao desta localidade da Costa da Morte. Este buque, de bandeira francesa e 132 camarotes, leva a bordo uns 200 pasaxeiros de distintas nacionalidades aos que se suman 139 tripulantes.
Os pasaxeiros xa tiñan esperando 5 autobuses na mesma explanada do porto, polo que nada máis baixar do barco, montaron nos buses e marcharon dirección Santiago. Iso si, puideron ver a expectación xerada e ata o grupo de baile da Asociación Terra de Sena facendo unha demostración en vivo.
O Cruceiro marchou arredor das 10:00h, tras varios bocinazos non sen antes proceder á entrega de detalles entre os mandos do barco e as autoridades galegas. Subiu a bordo a representante da Xunta, de Portos e mais unha expedición do Concello de Cee, que lle entregaron varios obsequios institucionais, e uns 300 folletos, cedidos pola Xunta, con información turística de toda Galicia e da Costa da Morte. A idea é convencer aos representantes da empresa Rubine e Hijos de que tiñan que coñecer a zona, coa intención de que en vindeiras paradas xa inclúan unha visita pola zona.
En todo caso, fontes da empresa aseguran que xa teñen data para a seguinte parada, nesta volta do seu xemelgo, pero non será ata maio de 2015.

Comitiva institucional da Costa da Morte no Cruceiro Le Boreal O grupo de Terra de Sena recibiu ao cruceiro LeBoreal-Foto-Beatriz Louzan

Un primeiro paso

Cruceiro Le Boreal entrando na ria de Corcubion-Foto-David Trillo

E non é que dudemos das posibilidades que ten o turismo de cruceiros. De feito cremos moi positivo o uso turístico dunha infraestrutura como é a do novo porto de Brens. Ben é certo que só entraren na ría de Corcubión, e veren ás cores do mencer, con algo de orballo, o Monte Pindo en fronte das Illas Lobeiras, coa silueta do Promontorio Nerium fisterrán ao fondo, é unha estampa difícil de esquecer, e pode que algún dos pasaxeiros estiveran na fiestra a esa hora da mañá e o lembren o día de mañá cando prantexen unhas novas vacacións. Iso si, ao baixaren do barco, e atoparen a fábrica, a estampa non é tan estimulante... Se cadra, unha man de pintura faría bastante.

Pero en todo caso, o bombo mediático xerado por unha parada que non implica ningún beneficio económico directo para a zona parécenos excesivo.

En todo caso, alegrámonos deste primeiro paso dado.

Fermosa estampa de entrada na Costa da Morte-Foto-David Trillo Gallego

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios