Martes. 15.10.2024
El tiempo

Camariñas, Corcubión e Ponteceso valoran o si da Xunta ao Centro de Día de Malpica

O antigo asilo de Corcubión está preparado para albergar un Centro de Día
Camariñas, Corcubión e Ponteceso valoran o si da Xunta ao Centro de Día de Malpica

Onte anunciaba a Xunta o seu apoio ás obras para adecuar un edificio como Centro de Día en Malpica. Un Centro de Día que será de xestión e titularidade municipal, pero que non impide que outros concellos, de goberno socialista, que levan tempo esperando por unha infraestrutura semellante, alcen a voz.

Lalo Insua, alcalde de Corcubión

”Os políticos non estamos aquí para vender fume. E creo que é moi fácil facer promesas en campaña electoral, pero a xente ten que saber diferenciar que unha cousa é unha obra dun edificio e outra é a xestión”, diferencia o alcalde corcubionés. “Nós levamos anos pedindo que a Xunta se faga cargo do Centro de Día, pois nós o edificio xa o temos preparado, e é competencia súa. E temos o compromiso da Xunta de que non se vai abrir un novo Centro de Día na comarca sen ter en conta o de Corcubión”, explica.

Así mesmo, asegura que “nós seguimos esperando, pois de feito temos solicitado unha reunión coa Consellería e con COGAMI, entidade que tamén podería xestionar o centro. A nós non nos importa como se xestione, pero a titularidade municipal é unha trampa, porque coa Lei de Estabilidade de Montoro é imposible que un Concello poida contratar todo o persoal necesario para poñer en marcha un Centro de Día”.

Sandra Insua, alcaldesa de Camariña

“A Xunta discrimina a Camariñas ao negarlle un Centro de Día que si concede a Malpica”, asegura a alcaldesa camariñá que solicitou no seu día á conselleira de Política Social, Fabiola García, apoio da administración autonómica para sacar adiante o proxecto pero foi rexeitado porque a Xunta argumentou que non se cubrían as prazas de centros habilitados en concellos na zona.

Un proxecto que si valorou a Deputación da Coruña, que vai facer un estudo económico para ver se o concello podería asumir unha infraestrutura así. Insua puntualiza que o feito de que “en Malpica se faga un Centro de Día non é malo, pero parece discriminatorio que se faga nun sitio si e noutro non. É propio dunha Xunta sectaria”, sinalou amosando o seu malestar polo anuncio.

En todo caso, a Deputación anunciou que vai encargar un estudo de viabilidade económica para “coñecer previamente os custes que a construción e o mantemento do centro de día terían para Camariñas e se serían viables e asumibles pola economía municipal”.

Lois Carballido, alcalde de Ponteceso

Pola súa parte Lois Carballido amosa a súa alegría polo proxecto. "Todo proxecto que veña para a Costa da Morte témolo que tomar como positivo. E se vén un Centro para Buño, é bo para todos. Nós de feito temos Pazos ao lado e pode ser que poidan acabar alí algún traballador como algún maior, como xa temos no Centro de Cabana.”

"En todo caso, si é certo que os concellos da zona podemos sentirnos algo agraviados, pero non quero que iso sexa máis importante que a boa nova de investimentos para a zona.”

Carballido lembra tamén que en Ponteceso hai un interesante proxecto xerontolóxico en marcha. Un proxecto de Centro de Día e de Investigación Xerontolóxica, que está tendo algunha traba en materia urbanística. "Dase a circunstancia de que temos un veciño especialista na rama e propuxo facer un centro pioneiro achegando a innovación tecnolóxica no mundo da xerontoloxía á súa terra". "Agora mesmo o proxecto está na Xunta, porque o terreo, herdado por este emprendendor, necesita unha modificación da ficha urbanística. Se a Xunta axiliza ao máximo os prazos, esperamos ter o Centro aberto o máis pronto posible.”

Novas relacionadas

Comentarios