A Tradición en Feminino debátese en Mazaricos polo #25N

O departamento de Servizos Sociais de Mazaricos encárgase de prover aos locais do material da campaña En Negro de cara ao Día Contra a Violencia de Xénero.
Canto ás actividades, comezarán o día 23 coa xornada Tradición en Feminino, na que colabora o Concello e que organiza a Asociación de Gaiteiros Galegos. Desenvolverase todo o día na Casa da Cultura. Ás 10.30h comezará o Obradoiro Pandeirada en Liñares e ás 12.15h o de Fouleada en Arcos coas informantes. Impartiranos Carme López e José Codesido. Tras o xantar, ás 17.00h, Branca Villares desenvolverá o relatorio “A pegada da violencia contra as mulleres nas cantigas de montaña” e ás 18.00h será o debate “Mulleres e roles de xénero na tradición oral”, con Branca Villares, Carme López e Nuria Gesteira, moderado por Marina F. Vigo.
O día 24, entre as 14.20h e as 17.33h pasará polo Concello a marcha “Nunca Camiñarás Soa”. En dita acción únense os concellos de Santa Comba, Val do Dubra, A Baña e Mazaricos para percorrer por relevos o seu territorio, reivindicando simbolicamente a luz da saída da violencia machista. É unha marcha de 100km non competitiva e reivindicativa. As persoas relevistas levarán un facho que significa a victoria da luz fronte á escuridade que supón a violencia de xénero. Á chegada a cada concello acenderase un pebeteiro que alumee toda a noite do 24 ao 25, lerase un manifesto e reunirase á poboación nesa fronte común que debe ser a denuncia das situacións de violencia.
Por outra banda, ás 17,00h do domingo, comeza o teatro na Casa da Cultura coa obra Bernarda. Antes da obra, ás 16.30h as persoas poderán recoller material (bolsas, chapas, pulseiras…) contra a violencia machista e lerase un manifesto.
TODAS AS ACTIVIDADES DO 25N NA COSTA DA MORTE
- Muxía tamén ponse En Negro contra as Violencias.
- A Semana Contra as Violencias achega varios obradoiros a Malpica.
- O Círculo Feminista de Carballo convoca un minuto de ruído contra o terrorismo machista.
- 16 Concellos da comarca, colectivos e empresas, únense á campaña En Negro contra as violencias.
- Corcubión e Cee preparan varias actividades de concienciación polo 25N.
- Nunca camiñarás soa, a marcha olímpica contra a violencia de xénero de Mazaricos e Santa Comba.
- A oposición insta ao Concello de Cabana a unirse á loita contra a violencia de xénero.
- Cee e Camariñas preparan as campañas do Día Internacional Contra a Violencia de Xénero.
- A igualdade, no centro do debate da sociedade carnotá.