Martes. 16.04.2024
El tiempo

O centro español Apóstolo Santiago de Liechtenstein cumpre 40 anos cun marcado acento costeiro

 

Festa polos 40 anos do Centro Espanol de Liechtenstein
Festa polos 40 anos do Centro Español de Liechtenstein
O centro español Apóstolo Santiago de Liechtenstein cumpre 40 anos cun marcado acento costeiro

Máis de 500 emigrantes residentes en Liechtenstein e en zonas limítrofes como Suíza, Austria e Alemaña achegáronse á sala multiusos Spoerry Ache de Vaduz para gozar do 40 aniversario do centro español Apóstolo Santiago cunha cea de confraternidade, ademais dunha velada cargada de boa música ao máis puro estilo galego, a verbena.

O principado de Liechtenstein, un país cuns 35000 habitantes, un pouco máis pequeno que Carballo, acolle a preto de 400 emigrantes na actualidade, dos cales o 90 por cento son oriúndos da Costa da Morte.

Hai 40 anos, en febreiro de 1979, uns cen socios entre os que se atopaba o actual presidente, Manuel Figueroa Rodríguez, fundouse a entidade Apóstolo Santiago como punto de encontro, reunión e como lugar de acubillo para a bandeira galega e española. A afluencia española, máis galega, incrementouse cos anos e, aínda que o pequeno país centroeuropeo chegou a acoller a uns 1000 españois, nos últimos dous ou tres anos a comunidade descendeu notablemente e, na actualidade e, contando aos máis pequenos, a entidade alcanza os 180 ou 200 socios.

Un presidente muxián

Manuel Figueroa Rodríguez recibiu a placa por coidar do Centro Galego de Liechtenstein durante 40 anos
Manuel Figueroa Rodríguez recibiu a placa por coidar do Centro español de Liechtenstein durante 40 anos

De carácter afable e familiar, Manuel Figueroa Rodríguez de 58 anos e nado na parroquia muxiá de San Martiño de Ozón, emigrou a Liechtenstein con apenas 18 anos, do mesmo xeito que outros tantos emigrantes, en busca dunha vida mellor con maior estabilidade económica. Un irmán e un cuñado facilitáronlle a entrada a unha nova vida marcada pola emigración.
Xa transcorreron 40 anos desde a súa chegada ao Principado onde casou con Lola, natural de Cerceda e coa que ten tres fillos, Tania, Fabián e Sheila. Aínda que segue laboralmente activo, a súa maior ilusión é poder volver a Galicia coa súa muller ou, na súa falta, pasar tempadas na terra que lle deu a vida e regresar outras a Liechtenstein para non perder a calor familiar e o vínculo cos seus fillos e os seus netos cando os haxa. Acórdase constantemente da súa terra, do mar, do peixe, das verbenas, da gastronomía e, principalmente, da familia e das súas raíces que son as que realmente quedaron nese currunchiño da Costa da Morte chamado Ozón.

"A emigración cambiou moito. Hoxe chegan os novos emigrantes cos seus grandes teléfonos e ese internet, con coches con GPS... Aínda que, seguramente, lles custa tanto adaptarse como nos custou a nós no seu día. Antes tiñamos unhas 48 horas de viaxe en coche á Coruña e, hoxe en día, chegan en 20. Non dispoñiamos das novas tecnoloxías para guiarnos e perdiámonos en tantas ocasións. Os coches non dispoñían de calefacción nin aire acondicionado pero eramos igualmente felices”, lembraba con agarimo Manuel.

A entidade está a pasar por un momento de incerteza pois, o local que foi a sede durante estes anos, será derrubado este ano.
"Teño ganas de retirarme e pasar o relevo a outra persoa pero agora o meu maior reto é atopar unhas instalacións adecuadas onde poder reunirnos e colocar as nosas bandeiras”, comentou o preocupado presidente.

Cea dos 40 anos do Centro Galego de Liechtenstein-Alejandra Plaza

40 anos de historia é, sen dúbida, motivo de celebración e orgullo e unha forma de reivindicar que, principalmente, A Costa da Morte, deixou o seu sinal en Liechtenstein.
"Quero agradecer á miña familia, aos membros da ceas (Centro Español Apóstolo Santiago), ás autoridades españolas, autonómicas e deste Principado o seu apoio incondicional durante todos estes anos”, engadiu un presidente emocionado e apoiado por todos os presentes.

O cónsul xeral de España en Zúrich, Juan Carlos Gafo Acevedo tamén acudiu a este gran evento para apoiar, agradecer e valorar o gran labor que a colonia española está a realizar no Principado.
"Hoxe é un gran motivo de celebración. Non é fácil, cos tempos que corren, celebrar 40 anos de actividade continuada. É importante que a bandeira galega vaia acompañada da española. Quero agradecer a Manuel Figueroa todo o traballo desempeñado durante estes anos por e para a colonia. Desde o consulado quero transmitirvos un cariñoso abrazo e augurámosvos outros 40 anos de existencia e de éxitos. Desde a nosa parte atoparemos maneiras de prever un futuro e asentamento adecuado para o voso centro”.

A alcaldesa da cidade anfitrioa, Antje Moser, tamén tivo unhas palabras de agradecemento para un presidente orgulloso da entidade. O vicecónsul honorario de España en Liechtenstein, Markus Kolzoff, rendeu o seu apoio e admiración aos membros do centro Apóstolo Santiago.

O Grupo A Roda en Liechtenstein
O Grupo A Roda en Liechtenstein

A Xunta de Galicia colaborou facilitando a participación do popular grupo A Roda e o secretario xeral de emigración, Antonio Rodríguez Miranda, non quixo perderse tan importante día de celebración e facerlle entrega dunha placa conmemorativa como recoñecemento a 40 anos de traballo ben feito a Manuel Figueroa.
”Agradezo con moito agarimo a Liechtenstein por ternos acollido 40 anos despois que é o que acredita este centro que hoxe ten esta celebración. É de agradecer que nos acompaña o cónsul xeral de España que, connosco, representantes das comunidades autónomas, podamos conformar un traballo conxunto de todas as institucións; a do país, as de España e as de Galicia por e para vós que sodes os importantes. Estamos pendentes de todos os galegos. Son consciente da encrucillada que estades a vivir coa situación da vosa sede e, aínda que sei que o goberno de España está a axudarvos, hoxe estou aquí para reiterarme e para dicirvos que Galicia está convosco para atopar unha solución. Toda esta gran familia de galegos e españois non se vai a quedar sen casa”.

A Música, tamén costeira

El Combo Dominicano en Liechtenstein
El Combo Dominicano en Liechtenstein

As preto de 700 persoas asistentes puideron bailar ata altas horas da madrugada cos ritmos máis discotequeros grazas á disco móbil chegada de Cee, Mega CDC sen perder os ritmos típicos dunha verbena de verán de mans do grupo Combo Dominicano, unha das orquestras máis importantes do panorama musical actual que arrastra masas de xente a cada unha das súas actuacións.

O Combo Dominicano non é a primeira vez que actúa en lugares como o Reino Unido ou a República Dominicana, en Suíza fixérono en varias ocasións para unha gran comunidade española, principalmente galega. Sempre viaxaron con gran ilusión ao exterior e senten afortunados por compartir parte da súa música cos emigrantes.
”A diferenza non é moita, xa que, o galego leva no seu ADN a tradición verbeneira nas súas veas. Tanto dentro de España como os que emigraron en todo o mundo mantiveron a tradición das súas festas. Levan a Galicia sempre no corazón aínda que vivan fose dela. Estamos súper contentos de poder levar o noso swing está noite a Liechtenstein" declarou Cirano Núñez, director musical da orquestra.

Un equipo de 31 persoas entre técnicos, choferes, redes, técnicos de montaxe, de escenario, músicos ou vocalistas están detrás do éxito desta orquestra que sente namorado de Galicia e da súa xente e eternamente agradecido por tantas mostras de agarimo dos seus fans.

"Nós sempre nos caracterizamos pola proximidade co noso público. Aínda que somos moito máis coñecidos agora que nos nosos inicios en Galicia, sempre tentamos manternos o máis próximo aos nosos seguidores e devolverlle todo o agarimo que nos dan . Somos conscientes que a popularidade forma parte de ser unha orquestra coñecida pero non nos afecta. Somos os mesmos coas mesmas ilusións e coa gran sorte de poder facer o que nos gusta e ter o apoio de tanta xente. Se o noso público nada sería posible . Mil grazas a toda Galicia”, continuou Cirano Núñez.

As festas patronais, as verbenas e as diferentes orquestras pasan por grandes dificultades na actualidade. A verbena agrupa a moitos sectores ademais de crear un gran vínculo entre todos os veciños da parroquia que os une e inspíraos a ser e actuar como unha comunidade unida. Liechtenstein é o vivo exemplo.
”Na actualidade, desde a nosa perspectiva vemos que cada vez as comisións de festas de Galicia teñen moitos máis problemas e trabas para poder facer as súas festas parroquiais debido a moitísimos factores. Iso xerou que moitas comisións de festas teñan que facer menos días de festa ou que mesmo desaparezan algunhas comisións”, explican.

NOVAS RELACIONADAS

Comentarios