A CMAT pon en marcha o primeiro Curso de Monitores Starlight de Galicia

Despois de confirmar a consecución do selo Starligh, a entidade público-privada que xestiona o noso Xeodestino, a Costa da Morte Asociación Turística (CMAT), comeza a darlle sentido formulando a estratexia 2023.
A entidade que preside Mónica Rodríguez Ordóñez porá en marcha o primeiro Curso de Monitores Astronómicos Starlight de Galicia, da man da Fundación do selo. “Queremos comezar a traballar para crear un novo produto turístico coa base da calidade e a competitividade; e será capacitando a persoas que teñan capacidade de por en marcha novas actividades de astroturismo na Costa da Morte a medio prazo”, silanou a rexedora vimiancesa. “A asociación pretende que as empresas saiban aproveitar esta oportunidade, se formen e incorporen nos seus servizos actividades astroturísticas que poñan en valor e contribúan á conservación do ceo nocturno á vez que o seu negocio”.
O Curso de Monitores Astronómicos Starlight impartirase na Costa da Morte, será intensivo, terá carácter teórico práctico e unha duración de 60 horas. Poderán participar ata 45 persoas do sector turístico de Costa da Morte e tamén doutros Destinos Turísticos Starlight, tendo os primeiros preferencia. A CMAT abrirá nas vindeiras semanas un prazo para a solicitude de praza.
Sistema SICTED
A entidade, que destacou a importancia das axudas da Deputación da Coruña a entes de xestión, anunciou ademais que implantará este ano o Sistema Integral de Calidade en Destino (SICTED), en Costa da Morte, promovido pola Secretaría de Estado de Turismo. Costa da Morte unirase este ano a esta distinción que aposta pola calidade, implantando boas prácticas e plans de mellora en todo tipo de empresas turísticas, fomentando o traballo colaborativo das empresas dun mesmo territorio, formándoas e contribuíndo á mellora da experiencia do viaxeiro.
A CMAT comezará a traballar este primeiro ano de implantación do SICTED, coma experiencia piloto, con hoteis, empresas de turismo activo e náutico-deportivas, casas de turismo rural e oficinas de información turística.
Nova visita de blogueiros
Ademais, a CMAT está a tramitar o Convenio de Colaboración con Turismo de Galicia para esta anualidade, na que destacará unha nova campaña de blogueiros profesionais para a promoción de Costa da Morte, especialmente no eido do turismo familiar, o surf e o astroturismo, a celebración a finais de ano do que será o III Encontro de Turismo de Costa da Morte.