Venres. 29.03.2024
El tiempo

"Confesar que es LGTBI faise aínda moito máis complicado se vés dunha vila"

Concentracion en Laxe contra a homofobia
Imaxe da concentración en Laxe contra a violencia homófoba
"Confesar que es LGTBI faise aínda moito máis complicado se vés dunha vila"

Esta fin de semana volvía celebrarse en varias cidades do país concentracións para esixir xustiza arredor do asasinato homófobo de Samuel Luiz.

Dende a ADECOM queren dar voz ao colectivo LGTBI deixando claro que o asasinato “é a punta do iceberg dunha realidade constatada: as persoas homosexuais seguen a ter problemas para desenvolver a súa vida con normalidade”. De feito, poñen cifras a esta situación nun estado onde “1 de cada 4 agresións teñen carácter homófobo”.

Para retratar esta situación e traela á nos a comarca, a ADECOM recolle a voz dun veciño anónimo da zona que recoñece o complicado que é “saír do armario”:

Saír do armario non sempre é fácil. Vivino nas miñas propias carnes e non é prato de bo gusto.

Paréceme un pouco forte que en pleno ano 2021 aínda se teña que saír do armario, como se fose algo que tivésemos que anunciar. Eu todavía sigo a esperar que os meus amigos saian do armario e me confesen que son heterosexuais, aínda que teño as miñas sospeitas...

O feito de abrirte publicamente e confesar que es LGTBI faise aínda moito máis complicado se vés dun pobo ou vila. O rural segue a estar moito máis pechado neste tema. Eu aínda me lembro con 10 aniños dicirlle a meu pai que cando tivera 20 anos, estaría casado (cunha muller, claro), con fillos e casa propia. Con 30 anos sigo sen ter nada diso... Xa desde ben pequenos tentan programarnos para iso que eles definen como “normal”.

No instituto a cousa foi a peor. Eu xa me sentía atraído polo meu mesmo sexo. Maricón, “reina”, chamarme nomes en feminino a diario… Intentaba non chamar moito a atención, así ao mellor pasaban de min. Ninguén me axudou, máis que nada porque o mantiña en segredo, por vergonza. Pero creo que xa non pola miña, senón pola dos meus pais, se alguén se enteraba. Con todo isto viñeron as mozas de mentira. De tanto preguntar a xente, sentíame obrigado a ter moza para que non sospeitasen. Pero a quen lle gusta vivir unha mentira, día tras día, sen poder ser quen es e sen poder amar á persoa que ti queiras amar?

Menos mal que todo mudou cando fun á universidade, a maior liberación da miña vida. Poder ser quen eu son é o maior regalo que podía ter. Aí foi cando deixei de agocharme e non tiven que saír do armario máis, son quen son e a quen non lle guste que colla porta.

Mais aínda que a día de hoxe vivo a miña vida sendo quen eu son, ese medo segue aí. O medo de ir da man co mozo e que alguén insulte, ou inevitablemente pensar que nos poidan dar unha malleira. Non deberiamos vivir con medo por querer a quen queremos! Dá igual o xénero que amemos, somos persoas querendo persoas, e o importante aí é o AMOR. Antes era o día do Orgullo, despois a semana e agora o mes do Orgullo. Pois sigamos loitando ata que sexa o ano do Orgullo ano tras ano!

Para quen esté pasando por unha situación semellante, que saibas que a cousa mellora. Chegará o día no que poidas ser ti mesma e iso vale máis ca nada. Forza!

E remato enviando folgos e moito ánimo á familia de Samuel, porque o que aconteceu é claramente un asasinato homófobo, que se actúe en consecuencia e que se faga #XustizaParaSamuel, porque a verdade é que Samuel somos todas.

  • Asdo: Anónimo.
 

Novas relacionadas

Comentarios