Venres. 26.04.2024
El tiempo

As consecuencias, en primeira persoa, do desmantelamento moral do Hospital Virxe da Xunqueira

Hospital Virxe da Xunqueira de Cee-Urxencias
As consecuencias, en primeira persoa, do desmantelamento moral do Hospital Virxe da Xunqueira

Temos falado en innumerables ocasións das consecuencias do recortes en sanidade no rural costeiro. Hoxe, unha veciña, Esther Vázquez, da comarca cóntanos en primeira persoa o periplo que tivo que pasar coas súas criaturas. Mándanos esta completa carta descritiva, facendo fincapé nas esperpénticas situacións que temos que sportar os veciñ@s da Costa da Morte.

Os feitos

En menos de dez días vivimos en dúas ocasións os efectos da mala xestión, falta de recursos ou o que sexa que acontece coas urxencias en Cee.

O día 6 acudín coa miña filla de 7 anos con fortes dores abdominais. Polas características da dor, o protocolo foi entrar directamente a urxencias hospitalarias, sen pasar pola sala de espera. Alí tivo que estar unha hora na camilla dun box de urxencias ata que a viu un médico, confirmándose nuns dez minutos que era un ataque de apendicite. A partir de aí todo transcorreu con celeridade: fixéronlle unha ecografía, acudiu un cirurxán, preparouse un quirófano. Igualmente, a atención de cada un dos profesionais foi impecable. O problema é esa hora durante a cal unha nena de 7 anos debe estar soportando a dor. Se o protocolo é entrar directamente a urxencias, non pode romperse no momento en que ocupa a camilla. Debería haber un número de profesionais ou un procedemento para que acudan que garanta unha atención inmediata nos casos en que é necesaria.

O señor Vázquez Almuiña diranos que unha apendicite non é un infarto, pero non pon o foco na verdadeira cuestión. Non é que un parto ou unha apendicite non sexa un infarto, senón que un cidadán do rural non é un cidadán da cidade e que un usuario da sanidade pública non é un usuario da sanidade privada. Chamémoslle ás cousas polo nome.

O día 14 acudimos por segunda vez co noso fillo pequeno, de 21 meses por unha erupción cutánea por todo o corpo, da que non atopaban a orixe. Aconteceu que se agravou a extensión, o picor e apareceu febre alta, xusto en fin de semana. Non é unha emerxencia, durante a semana teriamos acudido á súa pediatra. Aquí si agardas que quede por diante unha horiña de espera, o que xa non é de recibo é que sexan 4 horas as que transcorran ata que un médico atenda ao pequeno. E de novo, a paciencia e atención do persoal que acompañou a longa espera, especialmente a partir da segunda hora de espera, que comezaron as nosas queixas, foi impecable.

A segunda sorpresa foi que o facultativo que viu ao neno considerou necesario contrastar a súa hipótese diagnóstica cun pediatra. Coidamos que este acudiría a urxencias, pero o contraste fíxose telefonicamente, sen que ningún pediatra vise o seu aspecto (recordemos que acudía por unha erupción cutánea).

Hospital Publico Virxe da Xunqueira

DESMANTELAMENTO MORAL – ACUDIR A SANTIAGO

Preocúpame que se produce un “desmantelamento moral” dos servizos dos hospitais comarcais que os propios usuarios alimentamos e sirve de escusa perfecta para executar os recortes a unha administración que desatende o rural e pretende centralizar os servizos. Explícome: ante este tipo de situacións a reacción común non é erguer a voz, senón chegar a conclusión de que paga a pena acudir a Santiago ou Coruña, pois cos tempos de espera compensas os desprazamentos e contas con servizos máis especializados. Incluso denuncias como esta nos medios corren o risco de provocar un efecto máis disuasorio no uso dos servizos locais que mobilizador.

Eu non quero ir a Santiago por situacións que deberan ser atendidas no hospital comarcal, reclamo políticas descentralizadoras, de sectorización de servizos e atención especial á poboación do rural, en especial á infancia, promovendo con medidas reais o asentamento da poboación. Neste caso, recursos en urxencias que baixen os tempos medios de espera e instauración dun servizo real de urxencias pediátricas,

CONCILIACION – FAMILIAS NUMEROSAS

Este tipo de medidas tería repercusións a tódolos niveis. Coa conciliación por exemplo. No noso caso, somos unha familia numerosa, temos tres fillos. Nesta situación concreta, cunha nena recén operada de apendicite na casa, o tempo é básico, non ter que ir a Santiago nin botar innecesariamente unha tarde nunha sala de espera. Pero en calquera situación e tipo de familia, a proximidade e bo funcionamento dos servizos á infancia, se traduce en conciliación.

Pódense aforrar esas patochadas de medidas de efecto fogos artificiais como as axudas para ir á neve para familias numerosas e investir nunha cobertura de servizos básicos de proximidade en todo o territorio galego. Con ese nivel ben cuberto, podemos empezar a pensar no esquí e nos bonecos de neve.

RELACIÓN CON OUTROS SERVIZOS DESMANTELADOS NO RURAL: ENSINANZA

Quixera facer notar tamén a interrelación da situación de desmantelamento de tódolos servizos básicos e os efectos na calidade de vida e sobre dereitos sociais fundamentais. Eu son docente, vimos de vivir unha xornada de folga pola recuperación dos horarios anteriores á crise. A pesar da miopía dos sindicatos no traslado público do que isto significa, a loita vai moito alá dos dereitos e horarios individuais dos docentes. As horas que se recortaron foron horas presenciais para funcións como gardas, atención á diversidade, dinamización de bibliotecas, que se converteron en horas lectivas ordinarias a cargo dun grupo e dunha área determinada. O efecto foi que todos estes ámbitos complementarios básicos na calidade do ensino quedaron desatendidos ou dependentes do voluntarismo dos docentes. As plantillas dos centros ao eliminar esta cantidade de horas reducíronse notablemente.

No noso de centros rurais pequenos, como o centro no que traballo, o prezo foi un desmantelamento total da plantilla de persoal nestes anos. Hai catro docentes para un CEIP e un número de especialistas itinerantes que atendemos a diferentes centros en situacións similares. Aquí vén a relación entre todo e os efectos reais sobre a vida dos habitantes do rural. Eu teño dereito a cinco días de permiso para acompañar á miña filla despois da intervención cirúrxica, pero sei que os collo a costa de incrementar os horarios lectivos dun equipo docente xa saturado e que está cubrindo as gardas ordinarias de patio e transporte, abrindo a biblioteca, facendo apoios noutras aulas, abrindo o centro polas tardes, por enriba dos seus horarios. Manter no centro ámbitos complementarios clave e garantir dereitos laborais e de conciliación, coma este, que os docentes temos recoñecidos, só é posible pola conciencia e o compromiso do equipo humano.

Comentarios