A Costa da Morte uniuse de sur a norte para esixir o “Rescate Real” da hostalería
Uns 45 coches en caravana de Fisterra a Carballo, e unhas 200 persoas a pé por Carballo mobilizáronse pola hostalería da Costa da Morte, demostrando que polo menos, a pandemia, ten deixado ao sector máis unido que nunca.
A Manifestación Salvemos a Hostalería era convocada pola Plataforma de Turismo e Hostalería da Costa da Morte, que aglutina as vontades de 11 Asociacións, máis de 600 soci@s e 3.500 familias da nosa zona.
Foron as xentes das comarcas de Fisterra e Soneira as que máis encheron as rúas de Carballo, ata chegar ao Forum, onde Silvia Bouzas leu un duro manifesto.
A entidade quere valorar o exemplo de “unión e loita” que está protagonizando o sector, deixando patente que esta crise afecta a todo o tecido empresarial dos pobos, non só aos mesmos hostaleiros. Por iso esixen un ”rescate sectorial” ademais das “indemnizacións, non esmolas, ás que temos dereito que nos permitan manter vivos os nosos negocio”.
Plan de Rescate Real
A Plataforma ten esixencias concretas a todas as administracións, ás que piden “diálogo e apoio”:
- Unificación dos distintos ERTES
- Exoneración do 85% da parte da cotización empresarial e dá Seguridade Social.
- Exoneración da cota de autónomos durante os peches, e devolución con carácter retroactivo.
- Aprazamento, fraccionamento, supresión ou modificación de taxas e impostos da Facenda Estatal ate finais de 2022.
- Tipo de IVE reducido para as actividades de hostalería e turismo ata a recuperación do sector.
- Axudas directas para compensar as perdas ocasionadas polo peche obrigatorio.
- Reestructuración para a financiación feita a través das liñas do IGAPE e outros produtos.
- Compensación dos custes dos servizos non prestados no 2020, por parte dos Concellos.
- Exoneración das taxas e impostos do 2021: terrazas, auga, lixo, saneamento e ata o máximo permitido do IBI.
Finalmente, a plataforma convocou a todo o sector a participar este 13 de marzo na manifestación a nivel autonómico convocada en Compostela por un “Rescate XA!”.
Novas relacionadas
- 11-02-2021: Hostaleiros de Muros: “Non se nos pode quitar o noso dereito a traballar”.
- 10-02-2021: A Plataforma de Turismo e da Hostalería da Costa da Morte únese para pedir axudas reais.
- Carta dun autónom@: "A Crónica dunha morte anunciada, a do comercio local”.
- A reflexión dun autónom@ soneirán sobre os peches perimetrais no rural.